O Concello de Soutomaior presenta á veciñanza a posta en marcha do novo servizo de recollida de lixo

Redacción
  • Este é un dos primeiros pasos que se da dentro do proxecto “Conscientes, pensa en verde”.
  • Durante o acto de presentación destacaron os servizos de recollida de cartón e de orgánica, así como a posta en marcha do Punto Verde da Montesiña.

O Concello de Soutomaior xunto coa empresa concesionaria do servizo de limpeza e recollida de lixo, Urbaser, presentaron o novo modelo de xestión de residuos que porán en marcha a finais deste mes de maio e comezos de xuño, nun acto que tivo lugar na pasada tarde no Multiusos de Arcade.

Durante o evento, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, acompañado de representantes de Urbaser, e da empresa de comunicación Sihaho, deron a coñecer os servizos que engloba a posta en marcha desta nova concesión, que se engloba dentro da estratexia municipal “Conscientes, medra en verde”. O principal obxectivo, segundo dixo o alcalde, é “facer de Soutomaior unha comunidade máis limpa e sostible sendo imprescindible a colaboración de toda a veciñanza”.

O prato forte serviuse de forma gráfica cos deseños do recoñecido ilustrador pontevedrés Luís Davila, quen elaborou a imaxe da campaña e que reflexa entre outras accións nunha web e unha guía de reciclaxe onde se recollen os servizos que conforman o novo modelo de xestión de residuos.

Desde Urbaser informaron dunha renovación e mellora dos vehículos do actual servizo cunha nova flota conformada por dous camións de recollida de carga lateral, un camión de carga traseira, unha caixa aberta con plataforma e grúa, un furgón de mantemento, unha furgoneta de inspección e un equipo hidrolimpiador a presión. Por outra banda, tamén se porán a disposición do servizo outros vehículos como un camión gancho e dous camións para o lavado dos colectores, algúns destes vehículos serán incorporados proximamente segundo se vaian cumprindo os prazos de entrega dos provedores.

No que respecta ao persoal, contarase cun equipo de cinco operarios, tanto condutores como peóns, e no referente aos colectores, renovarase todo o parque de colectores coa instalación de 422 unidades de carga lateral na zona urbana e 180 de carga traseira en todo o noso rural.

Punto verde A Montesiña e recollida de voluminosos

No transcurso do acto tamén se fixo especial fincapé no punto verde que Urbaser ten habilitado nas súas instalacións de Montesiña, nas que contará cunha oficina de atención cidadá aberta de luns a venres en horario de 9:00h a 13:00h. Este espazo ten ademais como finalidade o depósito de residuos voluminosos, perigosos ou do fogar, que non sexan explosivos ou sanitarios, un servizo posto a disposición das vivendas. Por outro lado, informouse de que contaremos  tamén cun servizo gratuíto de recollida de residuos voluminosos a domicilio. Este servizo está dispoñible todos os xoves, tan só hai que solicitalo por teléfono antes do día e depositar os residuos a carón co colector indicado.

Así mesmo, lembrouse que hai en activo un servizo gratuíto de recollida de restos de poda a domicilio que pode solicitarse telefonicamente ou achegándose ao punto verde para recoller de balde unha “big bag” que unha vez cheo haberá que avisar ao servizo para que pasen a recoller eses restos de poda que despois serán convertidos en estruturante para a compostaxe.

Punto limpo de proximidade e  xestión de outros residuos

Unha especial mención tamén se realizou sobre o punto limpo de proximidade localizado no Multiúsos de Arcade, no que pode depositarse todo tipo de residuos pequenos como envases baleiros de disolventes, pinturas, pilas e baterías, lámpadas e tubos fluorescentes e residuos de roupa e calzado, entre outros.

Dado o éxito que tivo este punto limpo de proximidade, desde o Concello decidiuse a instalación dunha nova unidade que será instalada en breve por Urbaser.

Campaña de orgánica e servizo de recollida de cartón porta a porta

O Concello de Soutomaior e Urbaser porán en marcha novas campañas de concienciación e información sobre a separación de residuos orgánicos. Durante o acto púxose o foco na importancia de involucrar á cidadanía na reciclaxe de orgánica, polo que desde o Concello se decidiu por un lado contar coa tecnoloxía da empresa Formato Verde para este fin, unha empresa con sede en Soutomaior e que é punteira no control de accesos por tarxeta aos seus colectores de orgánica.

Cambiaremos as actuais chaves mecánicas por unhas tarxetas electrónicas, haberá dous tipos, unhas para a cidadanía e outras para os grandes e medianos produtores, o obxectivo e conseguir separar os biorresiduos do resto do lixo.

Non esquecemos a compostaxe e ademais de revitalizar o Centro de Compostaxe Comunitaria actual da rúa Outeiriño, montaremos un mais nos vindeiros meses, tamén contaremos con composteiros individuais para repartir entre todas as vivendas que o soliciten e que conten con horta, estes xa se poden solicitar de xeito gratuíto no formulario online.

E, finalmente tamén se deu a coñecer o servizo de recollida de cartón porta a porta que xa se está a realizar no comercio os luns, mércores e venres, resaltando a importancia de que se deixe ben pregado o cartón e “sen aire”.

Comparte este artigo