O Concello de Tui incorpora dúas novas rutas cicloturistas á rede de Galicia Suroeste financiada con fondos Next Generation EU

Redacción

Na rúa Maristas e na Macoca se sitúan as estacións de autoreparación de bicicletas e un panel informativo

Descubrir o territorio de Tui, e dos outros trece municipios do Xeodestino Galicia Suroeste, sobre dúas rodas é agora máis doado grazas á creación de rutas cicloturistas neste territorio.

Tui conta con dúas rutas, unha circular que ten na rúa Maristas, a carón do Mercado de San Antonio o punto de inicio e remate para un percorrido de case 24 kms polo Parque Natural Monte Aloia. A outra é unha ruta lineal , de 75,6 kms, dende o Aloia e o Monte Santa Trega.

Ao abeiro do proxecto “Creación de rutas cicloturistas en contornos enogastronómicos”, enmarcado no Plan de Sostibilidade Turística en Destino do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño “A Despensa de Galicia” amais de sinalizar a ruta e instalar os paneis indicativos no punto de inicio, tamén se instalaron nese lugar dúas estacións de autoreparación de bicicletas.   Esta actuación está financiada ao 100% con fondos Next Generation EU do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea.

A ruta circular que comeza a carón do Mercado de San Antonio consta dun percorrido total de 23.65 kms e un desnivel acumulado de 708 m. Permite descubrir parte do espazo natural do Aloia. Partido do Mercado Municipal continúa por pistas forestais e sendeiros até a área recreativa da Macoca, Frinxo, a capela de San Fins, até a Pedra do Acordo para baixar até o Salgueirón onde disfrutar das vistas do Baixo Miño, o centro de visitantes do Parque, e o río Tripes até volver ao punto de Partida.

Mentres a ruta cicloturista Aloia-Trega é lineal e bidireccional cun percorrido de 75,6 kms e un desnivel de 21.215 m.  Atravesa os concellos de Tui, Tomiño, O Rosal e A Guarda partindo do pavillón da Macoca en Pazos de Reis, e o Museo Arqueolóxico de Santa Trega. No traxecto os ciclistas pasarán por lugares coma o Alto de San Antoniño, o monte Tetón, o Niño do Corvo, o Val do Tamuxe, os muíños do Folón e do Picón, ou o alto do Torroso. 

Nos paneis informativos instalados na rúa Maristas e na Macoca achégase toda a información necesaria para as persoas usuarias: nome e descrición das rutas, tipo de percorrido, número de etapas, distancia en quilómetros, desnivel acumulado, tempo estimado, grao de dificultade, tipo de bicicleta recomendada e tipo de firme. Inclúe tamén un mapa coa sinalización completa e os puntos de saída e chegada, así como códigos QR para descargar as rutas nas plataformas Komoot e Wikiloc e acceder á web de Galicia Suroeste.

A concelleira de Turismo, Ana Núñez, sinala que ·a posta en marcha destas rutas representan un paso máis na aposta por un turismo sostible que pon en valor o patrimonio natural deste territorio”. Engade que con estes percorrido sinalizados tanto nos paneis informativos coma a través das dúas ampliacións máis populares para planificar rutas ao aire libre, o que contribúa ao tempo a promoción deste itinerarios e de toda a contorna.

Comparte este artigo