O Concello de Tui realizará este ano a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia en Lugo

Redacción

Haberá un autobús gratuíto a dispor da veciñanza para acudir o próximo domingo 14 de xuño a esta secular celebración

O próximo domingo, 14 de xuño, celébrase na Catedral de Lugo a ofrenda a Xesús Sacramentado. Este ano o alcalde do Concello de Tui exercerá de delegado rexio, en representación do Antigo Reino de Galicia, ao ser unha das sete antigas capitais.

Para facilitar a asistencia da veciñanza tudense o Concello de Tui pon a dispor da cidadanía autobuses gratuítos para desprazarse nesa data até Lugo. As persoas interesadas en acudir á Ofrenda deberán inscribirse até o próximo venres 5 de xuño persoalmente no Concello de Tui ou na Biblioteca Municipal, ou mediante o correo electrónico biblioteca@tui.gal .  Os autobuses sairán o domingo 14 de xuño ás 08.00 h e regresaran de Lugo ás 18.00 h..

A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia é a tradición institucional máis antiga que se conserva en Galicia como símbolo da identidade e condición colectiva do noso país. Este acto posúe un alto valor simbólico polo seu carácter municipalista e polo valor patrimonial desta tradición que conta con máis de 357 anos de existencia continuada. Cada ano, de forma rotatoria a ofrenda é realizada por unha das sete antigas  capitais do antigo Reino de Galicia.  Esta cerimonia anual sitúa á nosa cidade como unha das referencias históricas de Galicia.

O ano pasado o Consello da Xunta de Galicia acordou a declaración desta Ofrenda do Antigo Reino de Galicia como Ben de Interese Cultural na categoría de Patrimonio Inmaterial ao entender que se trata dun caso singular dentro da cultura e o patrimonio inmaterial da Comunidade ao expoñer de forma única unha tradición secular dos galegos e galegas, así como a evolución da súa unidade como pobo.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, convida á veciñanza a participar nesta tradicional Ofrenda do Antigo Reino de Galicia en representación da nosa cidade, especialmente neste ano en que conmemoramos os 800 anos da consagración da catedral de Tui.

Comparte este artigo