O concello denuncia a deixadez da Deputación en materia de seguridade viaria

Redacción

Vilaboa acumula anos de espera e ata catro solicitudes de reunión para demandar medidas de calmado do tráfico en dúas estradas provinciais, sen resposta

O Concello de Vilaboa manifesta o seu profundo malestar pola deixadez prolongada da Deputación de Pontevedra, e en particular da deputada de Infraestruturas, quen leva máis de dous anos ignorando as reiteradas peticións deste municipio para abordar actuacións urxentes de mellora da seguridade viaria nas estradas provinciais que atravesan o termo municipal. A falta de resposta institucional, nun asunto que afecta directamente á integridade física da veciñanza, resulta incomprensible e totalmente inaceptable

.

Durante este período, o Concello solicitou ata en catro ocasións unha reunión coa responsable provincial para tratar a situación da estrada EP-0101 Postemirón–Acuña, un treito urbano no que se rexistran excesos de velocidade continuos e que carece de beirarrúas ou espazos seguros para o tránsito peonil. A convivencia entre vehículos e peóns é, neste punto, especialmente delicada, e a ausencia de medidas de calmado de tráfico incrementa de maneira evidente o risco para a veciñanza. A pesar da gravidade da situación e das advertencias reiteradas, a Deputación mantén un silencio administrativo que só pode interpretarse como desinterese e falta de compromiso coa seguridade das persoas.

A mesma actitude de abandono repítese noutras estradas provinciais, como a EP-0002 Marco–Tomeza–Figueirido, especialmente no cruzamento coa EP-0001 Bértola–Canicouva–Pontesampaio, onde Vilaboa leva tempo reclamando actuacións de ordenación e calmado de tráfico, así como de recollida de pluviais e outras cuestións. Trátase dun punto con elevada intensidade de vehículos e manobras perigosas, que require unha intervención inmediata para reducir riscos e garantir unha circulación segura. A resposta da Deputación, unha vez máis, foi inexistente.

O Concello de Vilaboa considera que esta inacción política por parte da Deputación de Pontevedra é incompatible co deber institucional de velar pola seguridade viaria e polo benestar da cidadanía. Non é admisible que un municipio que leva anos reclamando actuacións básicas e perfectamente xustificadas continúe atopando portas pechadas e solicitudes ignoradas. A seguridade viaria non pode seguir sendo vítima da desidia nin da falta de vontade política.

Vilaboa esixe á Deputación e á deputada de Infraestruturas que asuman as súas responsabilidades, que escoiten á veciñanza e que poñan fin a esta etapa de abandono, executando as actuacións necesarias para garantir que as estradas provinciais do municipio deixen de ser un foco de risco permanente.

Comparte este artigo