O Concello do Porriño convoca o II Mercado Sostible “FLI-PO” para fomentar a economía circular

Redacción

● O Concello abre o 11 de maio o prazo de inscrición para os 45 postos dispoñibles, sendo de balde para particulares e asociacións na xornada dominical

O Concello do Porriño bota a andar a segunda edición do II Mercado Sostible: FLI – PO Market, unha iniciativa que busca converter a Praza 8 de Marzo nun punto de encontro para o consumo ético e responsable. O evento celebrarase a fin de semana do 6 e 7 de xuño, ofrecendo á veciñanza unha oportunidade única para dar unha segunda vida a produtos usados e minimizar o impacto ambiental da industria téxtil. Así o mercado do sábado está orientado a profesionais, pero o domingoa postor de particulares.

Quen queira participar pode inscribirse dende este luns, 11 de maio no rexistro do Concello de de 9:00 a 14:00 horas, ou a través da sede electrónica do concello do Porriño: https://oporrino.sedelectronica.gal/info.0 . Poderá haber un máximo de 45 postos e como novidade, este ano, os profesionais tamén poderán solicitar o seu espazo o domingo se queda sitio libre tras a adxudicación aos particulares. Pola súa banda, as asociacións sen ánimo de lucro e os postos de comida poden participar en ambas xornadas.

O mercado, que se desenvolverá en horario de mañá e tarde (sábado de 11:30 a 22:00 e domingo de 12:00 a 21:00), non será só un espazo de venda, senón unha xornada festiva completa con actividades lúdicas, música en directo e postos de comida.
“Con esta segunda edición do FLI – PO Market, dende o Concello queremos consolidar un espazo onde a sustentabilidade non sexa só un concepto, senón unha práctica real e divertida para todos os porriñeses e porriñesas. O noso obxectivo é triplo: axudar ás familias a dar saída a obxectos que xa non usan, ofrecer produtos a prezos accesibles e, sobre todo, concienciar sobre a importancia de reducir os residuos nunha industria tan contaminante como a téxtil”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo, xunto a concelleira de Comercio, Rosa Isabel Alonso e o concelleiro de Medio Ambiente, José Carlos González.

Postos

O Concello porá a disposición dos participantes 20 postos xa instalados, que se adxudicarán por rigorosa orde de inscrición. Unha vez esgotados, o resto dos participantes ata completar o máximo de 45 poderán levar a súa propia infraestrutura. FLI – PO Market preséntase como a mellor vitrina para baleirar os trasteiros e fomentar un Porriño máis sostible.

As bases completas poden consultarse na web do Concello do Porriño e no taboleiro de anuncios municipal.

Comparte este artigo