O concello e o Consulado Arxentino finalizan esta fin de semana o “I Ciclo Cultural Arxentina-Nigrán” cunha sesión de cine adicada á infancia o sábado e un concerto homenaxe a Gardel o domingo

Redacción

A sesión infantil terá lugar no cine municipal da Ramallosa a partir das 18:00 horas con entrada libre ata completar aforo. Proxectarase a curta ‘El día que me quieras. El viaje de Gardel’ e a película de animación ‘Gigantes: una aventura extraordinaria’

O domingo terá lugar na praza da Biblioteca en sesión vermú o espectáculo musical ‘Gardel en Galicia. El homenaje’, liderdo por Frans Banfield e Alberto Cunha

O Concello e o Consulado General Argentino en Vigo conclúen esta fin de semana o seu ‘I Ciclo Cultural Arxentina-Nigrán’ con actos para todos os públicos o sábado e domingo e como conmemoración anticipada do luns 25 de maio, Día da Revolución de Maio e festivo nacional neste país.

Así, o Cine Municipal da Ramallosa adicará este sábado 23 ás crianzas coa proxección ás 18:00 horas da curta ‘El día que me quieras. El viaje de Gardel’ e a continuación a película ‘Gigantes: una aventura extraordinaria’ (entrada libre ata completar aforo). Ambas son producións arxentinas de animación dirixidas a un público familiar. A curta, dirixida por Matías Mera e de 32 minutos, fai un percorrido épico pola vida e obra de Carlos Gardel e destaca por ser a primeira creación na historia da Universidad de Buenos Aires realizada íntegramente mediante intelixencia artificial xenerativa. A longametraxe, de Gonzalo Gutiérrez, narra como Alfonso, de 11 anos, herdeiro de Don Quijote, e os seus 3 coellos imaxinarios e musicais, únense a Pancho e Victoria para salvar ao seu querido poblo manchego dunha gran tormenta.

O broche de ouro ao ciclo será este domingo 24 ás 12:00 horas na Praza da Biblioteca co espectáculo musical ‘Gardel en Galicia. El homenaje’, unha función liderada por Frans Banfield e Alberto Cunha como cantantes e narradores e con acompañamento de guitarras e contrabaixo. A proposta consiste nun espectáculo evocador, en formato late show, emulando unha tertulia dun clásico bar porteño e a onde o público accede ao universo gardeliano a través de relatos, cancións e anécdotas, prestando especial atención á visita de Gardel a Vigo no ano 1923, sendo esta cidade a porta de entrada á súa primeira xira por Europa.

Pola súa banda, dentro deste mesmo ciclo, nos corredores do Centro Comercial A Ramallosa, ao carón do cine municipal, está montada ata o 31 de maio a exposición fotográfica colectiva ‘Im-perfectos e dispares. Un diálogo entre fotógrafos arxentinos e galegos’, comisariada pola artista visual Candelaria Magliano coa participación especial de Blas González co seu traballo ‘Lights Jam Portraits’.

“Estamos moi orgullosos de conmemorar en Nigrán o día patrio arxentino e de que o Consulado pensase en nós como anfitrións. Queremos repetir anualmente este ciclo cultural co obxectivo de seguir reforzando no municipio os lazos históricos que unen Galicia e Arxentina”, considera o alcalde, quen transmite especialmente os seu cariño a toda a poboación arxentina residente en Nigrán e a todos os nigraneses que emigraron a Arxentina.

Comparte este artigo