HomePontevedraO Concello estende a recollida de aceite doméstico usado ao rural a...

O Concello estende a recollida de aceite doméstico usado ao rural a partir deste luns

- Anuncio -spot_img

A concelleira María Xosé Abilleira destaca a implantación de novos colectores nos espazos de maior convivencia das parroquias facilitando a reciclaxe.

Comezará o luns nas parroquias de Lérez (ás 10.00 horas) e de Cerponzóns (ás 10.30 horas) e continuarase polo resto de parroquias durante toda a semana.

O Concello de Pontevedra avanza na aposta pola sustentabilidade e a economía circular continuando co despregue do novo contrato de xestión de residuos nas parroquias. Dende o luns comezaranse a instalar os colectores de recollida de aceite usado doméstico en Lérez e Cerponzóns, tal e como informou a concelleira responsable do rural, María Xosé Abilleira que está en contacto con todas as asociacións veciñais para consensuar a súa colocación.

Até o de agora as localizacións escollidas para a instalación destes colectores son (pendente de confirmar Ponte Sampaio e Canicouva):


UBICACIÓNS COLECTORES ACEITE
Parroquia Localización
LEREZ Rotonda igrexa
CERPONZÓNS Aparcamento igrexa
ALBA Aparcamento igrexa
CAMPAÑÓ Local social de Cabaleiro, enfrente do Campaniola
LOURIZÁN
Estribela
Praza de Os Praceres
TOMEZA Aparcamento igrexa
MARCÓN Acarcamento casa de cultura
SALCEDO Contorna do restauraste A de Paco (preto do cole)
VERDUCIDO Aparcamento igrexa
SANTA MARÍA Frente ao antigo concello, en frente do aparcamento da igrexa
SANTO ANDRÉ Parque infantil de A Bouza, estrada de Campo Lameiro, antes da farmacia
BORA Zona ITV
MOURENTE Cruce entrada ao Mercantil


Escolléronse espazos aos que habitualmente acode a veciñanza como as igrexas ou as casas de cultura para facilitar a recollida deste residuo. A primeira colocación será este luns, 27 de outubro, ás 10.00 horas na parroquia de Lérez (na rotonda da igrexa) e ás 10.30 horas en Cerponzóns (no estacionamento da Igrexa parroquial).

A concelleira María Xosé Abilleira acompañará nestas primeiras instalacións e entregaranse funís á veciñanza que se achegue até alí para facilitar a correcta reciclaxe. O procedemento de reciclaxe é moi sinxelo: o aceite usado deposítase en botellas usadas de plástico de 1 ou 2 litros, péchanse e deposítanse no colector. No resto de parroquias, daráselles funís ás asociacións veciñais para que repartan entre a veciñanza. Cabe lembrar que se trata dunha iniciativa promocional.

Estes novos colectores complementan aos xa instalados no Mercado, respondendo a unha demanda preexistente nesa zona. A xestión e recollida do aceite está a cargo da cooperativa de traballo social Mulleres Colleiteiras, que asinou un convenio de colaboración coa empresa PreZero, responsable da xestión de residuos en Pontevedra. A cooperativa estima realizar rutas de baleirado semanalmente.

Responsábeis

A concelleira María Xosé Abilleira subliñou que “a extensión deste servizo ao rural é fundamental para facilitar a reciclaxe a toda a cidadanía e para fortalecer o noso compromiso social e ambiental, en liña coa campaña ‘Responsábeis’ recentemente presentada polo Concello e que marca a nosa acción de goberno”.

Este despregamento enmárcase na renovación integral dos servizos de xestión de residuos de Pontevedra. O Concello xa renovou a practica totalidade dos contedores de papel e cartón (azuis) e xa comezou a colocar os 498 novos contedores amarelos para envases lixeiros, seguindo a folla de ruta establecida dende o urbano ata o rural.

Adicionalmente, o Concello segue a impulsar outras iniciativas complementarias como a posta enmarcha primeira remesa da nova flota de maquinaria de última xeración de limpeza viaria e as limpezas integrais que se están a suceder en distintos barrios da cidade, garantindo non só a recollida senón tamén a hixiene e o coidado do espazo público. Todas estas accións buscan reforzar a concienciación e a participación cidadá baixo o paraugas da campaña “Responsábeis”.

Publicacións Relacionadas