HomePontevedraO Concello facilita xeradores ao PAC de Redondela e á Residencia de...

O Concello facilita xeradores ao PAC de Redondela e á Residencia de Cesantes para garantir o servizo

- Anuncio -spot_img

– O dispositivo de emerxencia coordinado desde o Concello, contou coa participación do goberno local, encabezado pola alcaldesa, Digna Rivas, Policía Local e Protección Civil. Un total de 10 patrullas da Policía Local e Nacional e operarios municipais estiveron traballando durante a tarde e noite pasadas para atender á poboación.

– Rivas explica que desde o Concello “puxemos os medios humanos e técnicos para restablecer a enerxía tanto no PAC de Redondela como na Residencia de Maiores de Cesantes, dependencias da Xunta de Galicia que non tiñan xeradores operativos”. As patrullas da Policía trasladaron aos sanitarios aos domicilios onde os necesitaban e efectivos de Protección Civil axudaron á traballadora do Centro de Maiores para atender aos anciáns.

Na xornada de onte o Concello de Redondela, corpos e forzas de seguridade, operarios municipais e Protección Civil traballaron a reo para resolver as incidencias derivadas do apagón xeneralizado. No día de onte, festivo local en Redondela, a alcaldesa, Digna Rivas, e o goberno municipal mantiveron no Concello varias reunións do Gabinete de Crise coa Policía Local, Nacioal e Protección Civil para coordinar as actuacións. Rivas explica que a prioridade centrouse e atender aos veciños e veciñas, especialmente aos máis vulnerables, con todos os medios dispoñibles. Un total de 10 patrullas da Policía Local e Nacional, así como os operarios municipais estiveron traballando coordinados desde o Concello durante a tarde e noite pasadas para atender á poboación.

Rivas explica que “desde o Concello puxemos os medios para restablecer a enerxía no PAC de Redondela e na Residencia de Maiores de Cesantes, que non tiñan xeradores”. As patrullas da Policía Local puxéronse ao servizo do persoal do PAC para os desprazalos aos domicilios onde necesitaban atención sanitaria, xa que non houbo servizo de ambulancias. En canto á Residencia de Maiores de Cesantes, dependente da Xunta, foi o grupo municipal de Protección Civil o que axudou á traballadora do centro a atender aos 24 anciáns que residen no centro.

Desde a Comisaría da Policía Local,  a través dun grupo electróxeno, facilitouse corrente aos veciños e veciñas que a precisaban para cargar baterías de aparellos eléctricos esenciais, como respiradores de osíxeno e outros dispositivos sanitarios. Rivas lembra que, malia que o presidente Rueda anunciou nos medios que a cidadanía podía recargar estes aparellos nos PAC, “no de Redondela o Sergas non tiña ningún xerador operativo ata que o Concello llo instalou”.

O apagón afectou ao subministro de auga nalgunhas vivendas de Negros que, pola altitude, precisan de bombeo. Con todo, o servizo quedou totalmente restablecido esta mañá. O concelleiro de Infraestruturas, Roberto Villa, explica tamén que se restableceu o funcionamento no alumeado público, aínda que non descarta que algúns puntos de luz poderían fallar esta noite. A apagón afectou tamén aos semáforos da avenida de Vigo, en Chapela, nos que traballa unha empresa especializada para restablecer o servizo.

Os recursos do Concello salvan a atención sanitaria e residencial

O Centro de Saúde de Redondela é Punto de Atención Continuada (PAC) tamén para Pazos de Borbén e Fornelos de Montes. Digna Rivas lamenta que “un centro do Sergas desta envergadura, que atende a unha poboación de 34.000 habitantes, non tivese subministro eléctrico nin comunicacións telefónicas”. Rivas, que se desprazou ata o PAC, tivo constancia por parte dos propios sanitarios de que o xerador do centro non funcionaba. O servizo de electricistas municipais comprobou que se trata dun equipo “moi obsoleto e en mal estado” e desde o Concello cedéuselles un xerador de gran capacidade para restablecer a actividade sanitaria. O concelleiro de Infraestruturas, Roberto Villar, advirte que “a instalación eléctrica deste edificio presenta deficiencias, polo que a instalación do xerador resultou un traballo complexo”.

En canto á Residencia de Maiores de Cesantes, da Xunta de Galicia, unha responsable de Servizos Sociais púxose en contacto co Concello na tarde de onte para pedir axuda “porque as instalacións carecían de subministro eléctrico”. Operarios municipais instaláronlles un xerador do Concello para dar electricidade ao centro e que os dispositivos electrónicos que necesitan os residentes funcionasen. Esta pasada noite había unha única traballadora no centro para atender a 24 residentes, “co agravante de atoparse sen luz”, sinala Rivas, polo que “efectivos de Protección Civil do Concello desprazáronse á residencia para axudar á traballadora coa atención dos anciáns”.

A alcaldesa agradece a labor da Policía Local e Nacional, Protección Civil e operarios municipais, especialmente ao servizo eléctrico, que durante a tarde e noite pasadas fixeron un traballo “exemplar”.

Publicacións Relacionadas