O Cross Escolar de Pedornes celebra o 9 de maio a súa XIV edición

Redacción
Lectura mínima de 3

O Cross Escolar de Pedornes volverá reunir á rapazada o vindeiro 9 de maio nunha nova edición desta cita deportiva xa consolidada no calendario local. A proba, que alcanza a súa XIV edición, contará con diferentes categorías e distancias adaptadas ás idades das persoas participantes, cunha proposta especialmente dirixida á mocidade do Baixo Miño e Val Miñor.

Os percorridos estarán deseñados para facilitar a participación de nenos e nenas de todas as idades, con distancias que irán desde os 100 metros para os máis pequenos ata os 1,7 quilómetros nas categorías superiores.

O evento está organizado conxuntamente polo Concello de Oia, o club Cornelios e a Comisión de Festas de Pedornes, coa colaboración de Deporte Galego da Xunta de Galicia, e terá carácter gratuíto. Para participar será necesario presentar a autorización asinada polo pai, nai ou titor legal. As prazas son limitadas e o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 6 de maio, podendo formalizarse a través desta ligazón ou consultando a páxina de facebook “Cross escolar de Pedornes”. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar co Concello no teléfono 986 36 21 25.

O día 9 de maio, as carreiras darán comezo ás 17.00 horas no Eirado de Pedornes, mentres que a recollida de dorsais poderá realizarse previamente, a partir das 15.30 horas. Establécense un total de seis categorías, cada unha coa súa correspondente distancia:

  • Infantil (nados/as en 2013-14): 1.750 metros
  • Alevín (2015-16): 1.000 metros
  • Benxamín (2017-18): 500 metros
  • Pulgas (2019-20): 350 metros
  • Minipulgas (2021-22): 200 metros
  • Pulguiñas ((2023-24-25):100 metros

Todas as persoas participantes recibirán un pequeno agasallo, e entregaranse trofeos para quen acade os mellores resultados en cada categoría.

Unha carreira con historia

O Cross de Pedornes ten as súas orixes nos anos 80, grazas á iniciativa e ao traballo desinteresado de José Javier Pereira Feijoo, “Chicho”. Durante máis dunha década, este evento deportivo congregou a centos de participantes en cada edición, desde a súa primeira convocatoria en 1985 ata a última en 1996.

Tras anos de parón, a competición iniciou unha nova etapa en 2023, coa súa recuperación en formato escolar e consolidándose novamente como unha actividade deportiva de referencia no municipio. Con esta traxectoria ás súas costas, o Cross Escolar de Pedornes alcanza este ano a súa décimo cuarta edición, mantendo vivo o seu espírito participativo e comunitario.

Comparte este artigo