O deporte continúa esta fin de semana en A Guarda co I Aberto de Xadrez Albatros

Redacción
  • A competición, válida para ELO e enmarcada no XXX aniversario da ACD Albatros, celebrarase os días 4 e 5 de xullo no local da Asociación Recreativa e Cultural “Os Amigos” de Camposancos

Hoxe presentamos no Concello da Guarda o I Aberto de Xadrez Albatros, unha nova competición organizada polo club Xadrez Albatros que celebrará a súa primeira edición esta fin de semana, 4 e 5 de xullo, no local da Asociación Recreativa e Cultural “Os Amigos” de Camposancos.      

No acto de presentación participaron o alcalde da Guarda, Roberto Carrero; o concelleiro de Deportes, Celso Fariñas; e o presidente do club Xadrez Albatros e director do torneo, Miguel Reboredo. 

Este torneo constitúe unha das actividades programadas para conmemorar o XXX aniversario da ACD Albatros (1996-2026), tres décadas de historia promovendo o xadrez no municipio.      

A competición será válida para ELO e estará aberta a xogadores e xogadoras federados na presente tempada cun ELO igual ou inferior a 2200 puntos. O torneo contará cun máximo de 80 participantes, que competirán ao longo de seis partidas distribuídas en dúas xornadas, cunha rolda pola mañá e dúas pola tarde en cada unha delas.

O equipo técnico estará formado por Miguel Reboredo Otero, como director do torneo; Khaled Ounes Baz, como árbitro principal; e Francisco Alonso Dorado, como árbitro adxunto, garantindo o correcto desenvolvemento dunha competición que nace coa vocación de consolidarse dentro do calendario deportivo galego.   

A organización repartirá premios aos mellores clasificados, con 130 euros e trofeo para o primeiro clasificado, 110 euros e trofeo para o segundo e 80 euros e trofeo para o terceiro. Ademais, entregaranse premios ao mellor xogador Sub-1800, ao mellor xogador sen ELO e ao mellor xogador ou xogadora local, recoñecendo o talento dos participantes en distintas categorías.   

O I Torneo de Xadrez Albatros-Xadrez conta coa colaboración do Concello da Guarda e agarda reunir durante a fin de semana a xogadores e afeccionados nunha competición que nace coa intención de consolidarse e medrar nas vindeiras edicións.

Comparte este artigo