O monográfico reuniu ás e os participantes no programa, persoas da súa rede de apoio e familias interesadas nunha sesión moi participativa
Éxito de participación nunha nova actividade posta en marcha polo Concello ao abeiro do programa Espazo Crianza, que abriu as súas portas a toda a veciñanza cun monográfico sobre primeiros auxilios para bebés de 0 a 6 meses que espertou un notable interese entre as familias do municipio.
A sesión, guiada pola matrona Diana Ayude, reuniu non só ás persoas participantes no programa, senón tamén a familiares e persoas coidadoras que forman parte da rede de apoio e a outras familias rosaleiras non inscritas no Espazo Crianza. A formación converteuse nun encontro aberto para compartir coñecementos, resolver dúbidas e adquirir ferramentas prácticas para afrontar situacións de emerxencia nos primeiros meses de vida da cativada.
Ao longo da xornada abordáronse cuestións fundamentais relacionadas cos primeiros auxilios en bebés de 0 a 6 meses, pero tamén se abriron espazos de conversa arredor doutras cuestións de interese para as familias, como os novos modelos de alimentación infantil.
A concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez, resaltou a excelente acollida da iniciativa e o valor destes espazos formativos como o xerado dentro do Espazo Crianza. “O éxito desta convocatoria demostra que existe unha demanda real de información, acompañamento e espazos de encontro para as familias. A crianza está chea de retos e contar con profesionais que orienten e resolvan dúbidas achega tranquilidade e seguridade nun momento moi importante da vida”, sinalou.
Rodríguez subliñou ademais a vocación aberta do programa Espazo Crianza, xa que “queremos que sexa un recurso útil para toda a veciñanza. Non só para as familias participantes, senón tamén para avoas, avós, persoas coidadoras e todas aquelas persoas que forman parte da contorna dos bebés. Criar é unha tarefa compartida e estes encontros fortalecen esa rede que resulta tan necesaria”.
O Espazo Crianza consolídase así como un lugar de encontro, aprendizaxe e acompañamento no que as familias poden acceder a información rigorosa, compartir experiencias e crear vínculos nun ambiente próximo e acolledor. Un proxecto que segue medrando e abrindo novas oportunidades para construír comunidade arredor da crianza e dos coidados.

