O Festival Internacional de Maxia Infantil de Marín celebrará a súa novena edición do 8 ao 11 de outubro

Redacción

A programación reúne espectáculos de rúa, obradoiros, maxia nos colexios e unha gala internacional. A presentación oficial celebrouse hoxe coa participación do alumnado da EEI O Grupo

A maxia volverá ocupar as rúas e os espazos culturais de Marín do 8 ao 11 de outubro coa novena edición do Festival Internacional de Maxia Infantil de Marín (FIMIM). A programación foi presentada hoxe pola alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira Marián Sanmartín, e polo organizador do festival, o Mago Paco, nun acto que contou coa participación do alumnado da EEI O Grupo.

Durante catro días, o festival combinará actuacións ao aire libre, propostas para público familiar e espectáculos de sala. A maxia chegará tamén aos centros escolares, cunha actividade prevista para o xoves 8 e o venres 9. O programa inclúe unha gala internacional de maxia infantil como peche da edición.

A alcaldesa de Marín destacou que “todo se vai consolidando e ten un poso”, salientando a calidade que o público xa agarda edición tras edición”. María Ramallo subliñou o valor emocional e pedagóxico do festival para a infancia:
“Manter a atención nesas idades e sobre todo manter ese sorriso non é nada doado e é un gusto poder ter en Marín actividades deste tipo, que os motiven a soñar e desfrutar”.

Sobre o evento, o Mago Paco amosouse “moi ilusionado”, lembrando que o FIMIM é “único evento deste tipo a nivel nacional, xa que non hai outro festival íntegro para público infantil”. Aínda así, lembrou que, aínda así, este enfoque “non quere dicir que non estea adecuado para os adultos, senón que coidamos moito a linguaxe e a proposta”.

Sobre a programación, o Mago Paco comentou que asistirán artistas galegos recentemente galardoados no Congreso Nacional de Maxia, como Xulio Merino e Marcos Valdemar e fixo fincapé en que “oxalá puideramos traer máis magas mulleres, para o que facemos un chamamento”.

Por último, celebrou a estrea do novo auditorio para a gala principal: “Por fin este ano temos auditorio e vamos poder lucir aí nun espazo digno para a cultura o que dende fai máis de 9 anos queriamos para Marín”.

A maxia chegará aos colexios e á Biblioteca

A programación comezará o xoves 8 de outubro, con sesións de maxia nos colexios ás 10.00 e ás 12.00 horas. Ese mesmo día, ás 18.00 horas, o Mago Josemari presentará Abrapalabra na Biblioteca Municipal de Marín.

O venres 9 repetiranse as sesións nos colexios ás 10.00 e ás 12.00 horas. Pola tarde, Karlus levará The Bellboy ao Parque Eguren ás 18.00 horas, e Mino & Arthur representarán No me ayudes más na Alameda Rosalía de Castro ás 20.00 horas. En caso de choiva, ambas actuacións trasladaranse ao Multiusos.

A xornada rematará ás 22.30 horas no hall do Concello co espectáculo Sinsentido Consentido, de Julio Merino, dirixido a maiores de 12 anos. As prazas son limitadas e as entradas custan 1 euro anticipada ou 2 euros en taquilla. As entradas de todos os espectáculos poden collerse nesta ligazón:
https://ticketrona.com/?s=Fimim&asp_active=1&p_asid=1&p_asp_data=1&device=1&filters_initial=1&filters_changed=0&qtranslate_lang=0&current_page_id=31423963749

Obradoiro e espectáculos para toda a familia durante a fin de semana

O sábado 10, o programa abrirá ás 10.00 horas cun obradoiro de maxia para maiores de 6 anos. As prazas son limitadas e poden reservarse no 679 979 292.

O Mago Josemari ofrecerá Gran Circo de Pulgas na Alameda Rosalía de Castro en tres pases, ás 11.30, 12.15 e 13.00 horas. Cada pase terá un máximo de 30 persoas. Ás 13.00 horas, Lola Mento presentará Lolamentando tamén na Alameda. Se chove, as actuacións do Mago Josemari pasarán ao Museo e a de Lola Mento, á Biblioteca.

Pola tarde, Gran Circo de Pulgas regresará á Alameda con pases ás 17.00, 17.45 e 18.30 horas. Ás 18.00 horas, Nicolás Chevalíe representará Para Miarte de Risas no mesmo espazo. En caso de choiva, estas actuacións trasladaranse ao Museo e ao Multiúsos, respectivamente.

A programación do sábado concluirá con dúas propostas de sala: Karlus Soler presentará Ay ay no Auditorio Municipal ás 20.00 horas, con entradas a 5 euros anticipadas e 6 euros en taquilla; e Marcos Waldemar ofrecerá Interludio no hall do Concello ás 22.30 horas, con entradas a 1 euro anticipadas e 2 euros en taquilla.

Gala internacional para pechar o festival

O domingo 11, o Museo Manuel Torres acollerá ás 12.00 horas Maxia para bebés, con Fernando Saldaña. A actividade está recomendada para crianzas de 1 a 4 anos, ten prazas limitadas e un prezo de 3 euros, que permite a entrada dunha persoa adulta e dunha crianza.

Ás 13.00 horas, Mino & Arthur levarán Déjate de cuentos á Alameda Rosalía de Castro; en caso de choiva, a actuación celebrarase no Multiúsos.

A Gala Internacional de Maxia Infantil porá o punto final ao festival ás 18.00 horas no Auditorio Municipal. As entradas custan 6 euros anticipadas e 8 euros en taquilla.

Comparte este artigo