O Goberno desminte que exista unha sanción en firme de 85.326 euros e pide a BNG e PSOE rigor á hora de falar de fondos europeos

Redacción

O Concello presentou alegacións e defende que o reintegro sexa cero, mentres lembra a revogación dunha axuda de 805.784 euros correspondente á etapa anterior

O actual goberno de Nava Castro ademais tivo que acelerar en 2023 a execución da EDUSI para evitar a perda de máis de 1,5 millóns de euros que quedaban en risco a poucos meses de finalizar o prazo

O Goberno municipal de Ponteareas quere aclarar, ante as informacións difundidas nos últimos días polos grupos da oposición, que non existe neste momento ningunha sanción firme de 85.326 euros ao Concello polo derrubo da antiga Escola Infantil Municipal. O que existe é un procedemento de reintegro parcial de fondos FEDER actualmente en tramitación, no que se establece provisionalmente un importe afectado de 85.326,26 euros. O Concello presentou as correspondentes alegacións o pasado 5 de agosto e, polo tanto, o procedemento continúa aberto e pendente de resolución.

“É importante que a cidadanía coñeza exactamente a situación. Non negamos que exista un expediente, porque existe. O que non é certo é afirmar que Ponteareas xa foi sancionada ou que perdeu 85.326 euros. Hai un procedemento aberto, presentamos alegacións e estamos defendendo os intereses do Concello”, explica a alcaldesa, Nava Castro. Nas alegacións presentadas, o Goberno municipal solicita como primeira opción o arquivo do procedemento e que o reintegro sexa cero, ao considerar que non existiu un incumprimento material dos obxectivos da actuación financiada.

As obras de eficiencia enerxética da antiga Gardería foron executadas e a instalación continuou destinada durante anos ao servizo público municipal. Ademais, o servizo de educación infantil non desapareceu, non se privatizou nin se trasladou fóra do municipio.

A nova Escola Infantil Municipal do Parque Ferro Ucha entrou en funcionamento o 27 de abril de 2026, mentres que o inicio material do derrubo da antiga instalación se produciu o 4 de maio de 2026. Polo tanto, mantívose en todo momento a continuidade do servizo público municipal.

Só subsidiariamente, para o caso de que o Ministerio non aceptase o arquivo do expediente, o Concello solicita a aplicación estrita do principio de proporcionalidade. Conforme ao cálculo incorporado ás alegacións municipais, o eventual reintegro máximo sería de 47.263,37 euros, e non dos 85.326,26 euros inicialmente afectados, sen prexuízo do cálculo individualizado que finalmente proceda.

“Estamos defendendo que Ponteareas non teña que devolver un só euro. E esa defensa estase facendo con argumentos técnicos, xurídicos e coa documentación correspondente. O responsable é esperar á resolución do procedemento e non converter unha cantidade provisional nunha sanción firme simplemente para conseguir un titular político”, sinala Nava Castro.

O Goberno municipal considera especialmente necesario introducir rigor neste debate porque Ponteareas si conta con antecedentes recentes nos que se produciron consecuencias económicas moito máis importantes relacionadas coa xestión de fondos públicos. Entre eles atópase o expediente do IDAE relativo á rede de calor de biomasa e á mellora enerxética de varios edificios municipais, (casa do concello e casa dos mestres) no que se produciu a revogación dunha axuda de 805.784,47 euros correspondente a un proxecto da etapa anterior.

“Se BNG e PSOE queren falar da xestión de fondos europeos, falemos de todos e fagámolo con documentos e cifras enriba da mesa. Non parece razoable presentar como unha perda definitiva 85.326 euros dun expediente que continúa aberto mentres se omite unha revogación de máis de 805.000 euros correspondente á etapa anterior”, manifesta a alcaldesa.

A comparación económica permite dimensionar ambas as situacións. Os 805.784 euros da axuda revogada representan aproximadamente 9,4 veces os 85.326 euros que agora están provisionalmente afectados. E mesmo no escenario subsidiario formulado polo Concello nas súas alegacións, no que o eventual reintegro máximo se reduciría a 47.263,37 euros, a axuda revogada no expediente anterior sería aproximadamente 17 veces superior.

“Pero a diferenza fundamental non está só nas cantidades. A diferenza é que agora estamos ante un procedemento aberto no que o Concello está defendendo que non procede reintegro ningún, mentres que no outro caso estamos falando dunha revogación xa acordada. Son situacións administrativas distintas e a cidadanía merece que se expliquen con rigor”, afirma Nava Castro.

O Goberno municipal lembra, ademais, que cando tomou posesión en xuño de 2023 atopou outra situación especialmente delicada relacionada coa EDUSI de Ponteareas, dotada con máis de 6,2 millóns de euros de investimento. A poucos meses de finalizar o período de execución, quedaba unha importante cantidade pendente e o novo goberno municipal tivo que realizar un enorme esforzo técnico, administrativo e económico para acelerar actuacións y pagamentos antes do 31 de decembro de 2023.

Segundo os datos feitos públicos naquel momento, había aproximadamente dous millóns de euros pendentes e máis de 1,5 millóns en risco de non chegar a executarse dentro do prazo.O Goberno municipal traballou durante aqueles meses contra o reloxo para completar as actuacións e evitar que Ponteareas perdese unha parte moi importante dos fondos europeos concedidos.

“Cando chegamos ao Concello atopamos unha EDUSI entrando na recta final cunha cantidade moi importante pendente. Non buscamos culpables nin utilizamos aquela situación para xerar alarma. Puxémonos a traballar, mobilizamos os recursos necesarios e fixemos todo o posible para salvar os fondos e as actuacións previstas para Ponteareas”, lembra a alcaldesa.

Por iso, Nava Castro considera que BNG e PSOE deben aplicar “a mesma vara de medir” cando falan da xestión económica municipal. “Non temos ningún problema en dar explicacións. Darémolas sobre estes 85.326 euros, sobre as alegacións que presentamos e sobre a resolución cando se produza. Esa é a nosa responsabilidade. Pero quen esixe explicacións tamén debe estar disposto a explicar a súa propia xestión”, sinala.

O Goberno municipal considera que a cidadanía merece coñecer a comparación completa: un expediente actual de 85.326 euros que segue aberto e no que o Concello defende reintegro cero; unha axuda de 805.784 euros que foi revogada; e unha EDUSI na que o novo goberno tivo que traballar contra o reloxo para evitar a perda de máis de 1,5 millóns de euros que estaban en risco de non executarse dentro do prazo.

“Non imos entrar nunha competición de acusacións. Imos responder con expedientes, documentos e cifras. E os datos son suficientemente claros. Se a oposición quere fiscalizar ao Goberno, está no seu dereito e na súa obriga, pero debe facelo con rigor e sen presentar como firme o que aínda está pendente de resolución”, afirma Nava Castro. 

A alcaldesa conclúe asegurando que o Goberno municipal seguirá empregando todos os instrumentos administrativos e xurídicos ao seu alcance para defender os recursos públicos de Ponteareas, “incluso como xa o fixemos, defendendo as súas alegacións. Esa é a diferenza, mentres eles denuncian nos tratamos de salvar a súa mala xestión”.

“A nosa responsabilidade é defender cada euro dos ponteareáns. Fixémolo cando tivemos que traballar contra o reloxo para salvar os fondos da EDUSI e estámolo facendo agora presentando alegacións para que estes 85.326 euros non teñan que ser reintegrados. Esa é a diferenza: fronte ao ruído político, traballo, documentación e defensa dos intereses de Ponteareas”, conclúe Nava Castro.

Comparte este artigo