O Concello de Mos acollerá o vindeiro domingo 10 de maio, ás 18:00 horas, no Auditorio das Pozas, o II Encontro Coral Interxeracional, unha cita cultural que busca fomentar a convivencia e o intercambio musical entre distintas xeracións a través do canto coral.
No encontro participarán o Coro Galego Abrente de Mos, xunto ao Coro Xuvenil do Rosal e o Coro Infantil Xuvenil do Rosal, nun formato que promove a interacción entre os grupos e a interpretación conxunta de diferentes pezas, combinando experiencia e novas voces sobre o escenario.
A iniciativa, organizada polo Círculo Cultural Abrente, conta coa colaboración do Concello de Mos e da Deputación de Pontevedra, e consolídase tras o éxito da súa primeira edición, que acadou un auditorio completo e unha excelente acollida por parte do público.
Dende a organización destacan o carácter interxeracional do evento, que non só pretende ofrecer un espectáculo musical, senón tamén crear un espazo de encontro entre idades e sensibilidades distintas, reforzando o valor social e cultural da música coral.
O Concello de Mos anima á veciñanza a asistir a este evento, que promete repetir o éxito do pasado ano e ofrecer unha experiencia musical de gran calidade.

