O sábado 22 haberá clases ao aire libre na Alameda e na Illa do Covo, e o domingo 23 un roteiro pola senda do Almofrei pechará Re-conectando, ciclo de natureza consciente e Ioga
A celebración do Día Internacional do Ioga, con clases ao aire libre, e o remate do programa de roteiros de natureza consciente Re-conectando con Pontevedra converterán ao ioga nun dos protagonistas da fin de semana. Ambas as dúas actividades chegan da man da Concellería de Benestar Social, que dirixe Anabel Gulías.
Por unha banda Pontevedra celebrará, mañá, 22 de xuño, o Día Internacional do Ioga con clases ao aire libre, aptas para todas as idades. O ioga reporta importantes beneficios físicos e de benestar xeral, tal como recoñeceu a ONU ao proclamar a efeméride no ano 2014. As sesións de ioga desenvolveranse na Alameda e na Illa do Covo, en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.30 horas.
Na Alameda impartiranse as seguintes clases/sesións: bos días (10.00 horas); Hatha Ioga (11.30) e Vinyasa Ioga (13.00), Respira (16.30 horas), Acro-Ioga (18.00 ) e Ioga tibetano (19.30).
A Illa do Covo será escenario das seguintes propostas: Ashtanga Ioga (10.00 horas), Ioga prenatal (11.30) e Ioga suave (13.00). Meditación (16.30 horas), Vinyasa Ioga (18.00) e Yin Ioga (19.30 horas).
Todas as actividades son de balde. As persoas interesadas tan só teñen que achegarse uns minutos antes do inicio das sesións coa súa esteira ou toalla, ou se prefire para sentar máis cómodas cun coxín ou bloque.
ROTEIRO
Un roteiro pola senda do Almofrei, na parroquia de Bora, pechará o domingo 23 o programa de natureza consciente e ioga, Re-conectando con Pontevedra. Ao igual que os catro anteriores, este roteiro con práctica intercalada de ioga, ten unha duración aproximada de 4 horas -de 10.00 a 14.00 horas- e dificultade media-baixa.
Re-conectando é unha actividade de balde, porén ten prazas limitadas polo que é preciso inscribirse. A idade mínima para participar é de 16 anos. As inscricións pódense realizar a través os correos erikataracido@hotmail.com ou myriamvp_88@hotmail.com

