O picklepall aterriza en Tomiño

Redacción

O pavillón de Goián será a sede da Liga Galega de Equipos o vindeiro domingo 24 de maio a partir das 09.30 h

Tomiño, 18 de maio de 2026.- Tomiño converterase no epicentro do deporte de raqueta de moda o vindeiro domingo 24 de maio a partir das 09.30 horas. O Club Pickleball Baixo Miño organiza coa colaboración do Concello no Pavillón de Goián a Primeira Fase da terceira xornada da I Liga Federada de Equipos, evento oficial baixo o selo da Federación Galega de Tenis.

Tras o adiamento da fase inicial en Gondomar debido ás inclemencias meteorolóxicas, e despois de disputar a segunda fase no CC Mercantil de Vigo, a competición chega a Goián coa máxima emoción. Os equipos que se verán as caras na pista son:

  • Club Pickleball Baixo Miño (Anfitrión)
  • CC Mercantil de Vigo (Grupo C)
  • Club Tenis Gondomar (Grupo B)
  • C.D. Dereito Empresarial (Grupo A)

Formato de competición e regras 

Os asistentes poderán desfrutar dun despregamento total da disciplina, con enfrontamentos nas categorías de Dobres Masculinos, Dobres Femininos, Individual Masculino, Individual Feminino e Dobres Mixtos.

Os partidos disputaranse ao mellor de tres sets de 11 puntos, utilizando o dinámico sistema de marcador Rally Scoring. Para garantir a máxima tensión competitiva, aplicarase a “conxelación” no punto 10 (onde só se pode sumar co servizo) e, en caso de empate extremo a 13-13, o set decidirase mediante a emocionante “bóla de ouro”.

Contexto da clasificación

A competición chega a Tomiño tras unha vibrante segunda xornada celebrada o pasado 10 de maio no CC Mercantil de Vigo. A clasificación actual sitúa ao equipo local nunha posición de privilexio:

  • 1º Posto: CC Mercantil de Vigo (Grupo C) con 13 puntos
  • 2º Posto: Club Pickleball Baixo Miño con 12 puntos
  • 3º Posto: Club Tenis Gondomar (Grupo B) con 0 puntos
  • 4º Posto: C.D. Dereito Empresarial (Grupo A) con 0 puntos (inc.)

Unha invitación ao deporte 

Dende o Club Pickleball Baixo Miño e do Concello convídase a toda a veciñanza da comarca e persoas afeccionadas ao deporte a achegarse ao Pavillón de Goián nesta oportunidade única para descubrir en vivo a axilidade e diversión do pickleball nunha mañá de convivencia deportiva e alta competición.

Pé de foto adxunta: O equipo do Club Pickleball Baixo Miño durante a anterior xornada de liga disputada nas instalacións do CC Mercantil de Vigo.

Comparte este artigo