O poder entra en xaque no escenario do Rosal cunha comedia mordaz do grupo O mellor de cada casa

Redacción
Lectura mínima de 2

O grupo de teatro da Asociación de Veciños San Miguel de Viladesuso trae ao auditorio este sábado 18 ás 20 h a obra ‘Xaque mate’, unha sátira sobre as sombras da política. Entrada de balde

O taboleiro está listo, as pezas en movemento e a partida a piques de comezar. O auditorio municipal do Rosal converterase este sábado 18 nun escenario onde o humor e a crítica social se dan a man coa representación de Xaque mate, unha proposta teatral do grupo O mellor de cada da casa, da Asociación de Veciños San Miguel de Viladesuso (Oia).

A función dará comezo ás 20.00 horas con entrada libre e de balde ata completar aforo, nunha cita cultural que promete facer rir e reflexionar ao público a partes iguais.

A obra preséntase como unha traxicomedia que afonda nas dinámicas do poder a través dunha metáfora clara: a política como un xogo de xadrez no que todo vale para gañar. Nun universo onde desaparece a moral, reis, raíñas e aspirantes non dubidan en sacrificar peóns para acadar a vitoria, nunha partida absurda na que a derrota do rival tamén supón o final do xogo.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, anima á veciñanza a asistir a esta proposta cultural, destacando que “o teatro é unha ferramenta marabillosa para cuestionarnos como sociedade e para facelo, ademais, desde o humor e a proximidade”. A rexedora subliña tamén a importancia de apoiar o teatro afeccionado e “contar con grupos que levan anos facendo cultura desde o compromiso e a paixón. É un auténtico luxo para o territorio”.

Comparte este artigo