O Porriño achega a formación en primeiros auxilios á veciñanza con novas charlas de Protección Civil en Pontellas e Budiño

Redacción
Lectura mínima de 2

● Dúas sesións gratuítas en maio permitirán aprender a actuar ante situacións de emerxencia como paradas cardiorrespiratorias, afogamentos ou ictus

Saber como actuar nos primeiros minutos dunha emerxencia pode marcar a diferenza. Con esta premisa, o Concello do Porriño, a través de Protección Civil, segue a impulsar unha iniciativa formativa aberta á cidadanía: un ciclo de charlas de primeiros auxilios que xa teñen pasado por diferentes parroquias e que se desenvolverá durante o mes de maio en Pontellas e Budiño.

En concreto, as charlas, de carácter gratuíto, celebraranse o martes 5 de maio a partir das 17:00 horas na Asociación Cultural de Pontellas e o martes 19 de maio, tamén desde as 17:00 horas, na Asociación Cultural O Mosteiro de Budiño. Dous espazos de encontro nos que o coñecemento se compartirá de maneira práctica e participativa, facilitando que calquera persoa poida adquirir habilidades fundamentais para actuar ante unha emerxencia.

Baixo o lema “Aprende a salvar vidas”, estas sesións teñen como obxectivo dotar á veciñanza de coñecementos básicos e ferramentas prácticas para responder con seguridade ante situacións críticas como unha parada cardiorrespiratoria, un atragoamento, queimaduras, cortes ou un posible ictus. Unha formación accesible e útil que busca achegar a prevención e a intervención básica ao día a día da cidadanía.

A través desta iniciativa, o Concello do Porriño reforza o seu compromiso coa seguridade e o benestar da súa veciñanza, promovendo a formación como ferramenta clave para salvar vidas. “Unha aposta por unha cidadanía máis preparada, consciente e capaz de responder con eficacia nos momentos nos que cada segundo conta”, apunta o alcalde, Alejando Lorenzo

Comparte este artigo