● A iniciatia realizouse en todos os colexios públicos e concertados do municipio implicando a alumnado, profesorado e familias
O Concello do Porriño vén de completar no CEIP Ribeira o desenvolvemento do proxecto “Patios coeducativos”, unha iniciativa que xa foi implantada nos centros nos centros educativos de Atios, Antonio Palacios, Budiño, Fernández López, Santo Tomás e Hermanos Quiroga, acadando así a súa extensión a todos os colexios do municipio.
Este programa ten como obxectivo principal transformar os patios escolares en espazos máis inclusivos, diversos e igualitarios, favorecendo unha convivencia máis respectuosa e promovendo a cultura dos bos tratos entre o alumnado. A través dunha metodoloxía participativa, o proxecto implica á comunidade educativa no seu conxunto -alumnado, profesorado e familias- para repensar os usos do patio e romper cos estereotipos de xénero que tradicionalmente condicionan estes espazos.
Entre as actuacións desenvolvidas inclúense obradoiros de sensibilización co alumnado, actividades formativas coas familias e procesos de análise e redeseño dos patios, co fin de convertelos en lugares polivalentes onde teñan cabida diferentes formas de xogo e relación.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, que participou no obradoiro que se desenvolveu na biblioteca do CEIP da Ribeira, destacou a importancia desta iniciativa “para avanzar cara unha educación en igualdade real desde as primeiras idades”.
“Estamos a falar de transformar espazos cotiáns como os patios escolares en lugares que fomenten o respecto, a convivencia e a igualdade de oportunidades para todos os nenos e nenas”, sinalou.
Pola súa banda, a concelleira de Educación, Carolina González, puxo en valor o carácter participativo do proxecto: “Este programa non só cambia os patios, senón tamén a maneira de relacionarse do alumnado. Implica a toda a comunidade educativa e contribúe a construír unha sociedade máis xusta desde a base”.
O proxecto “Patios coeducativos” enmárcase nas políticas municipais de promoción da igualdade e prevención das violencias, apostando pola educación como ferramenta clave para combater estereotipos e fomentar valores como o respecto, a empatía e a inclusión.

