● Participan unha vintena de entidades entre asociacións e centros educativos nunha exposición que encherá de cor e simbolismo a praza Arquitecto Antonio Palacios do 1 ao 3 de maio
● Este sábado 2 de maio diferentes grupos tradicionais actuarán xunto a eles na Praza Arquitecto Antonio Palacios
A Mostra dos Maios 2026 converte, un ano máis, a praza Arquitecto Antonio Palacios nun escenario cheo de cor e creatividade onde a natureza e a cultura se dan a man.
Unha vintena de entidades participan nesta cita que vén de encher de cor e tradición a praza do Concello. Foron días de preparación e cariño para elaborar estas “montañas de natureza” que locen xa coas súas mellores galas nun evento que se consolida como interxeracional; ademais de asociacións culturais, nesta edición volven participar centros de día, colexios e incluso escolas infantís.
No caso dos colexios, participan o CEIP Antonio Palacios, CEIP da Ribeira, CEIP Xosé Fernández López, CEIP de Atios, CPR Hermanos Quiroga e CPR Santo Tomás. Foron as nenas e nenos quen, co seu traballo e a súa imaxinación, deron forma aos tradicionais maios. Unhas creacións que exaltan a beleza propia das nosas árbores, froitos, follas e flores durante a primavera, dando continuidade a unha tradición milenaria que celebra a prosperidade e a alegría da nosa terra.
Participan tamén os centros de día de AFAGA Alzheimer, o Centro de Día O Porriño – Consorcio, Navuxil e o Alogar de Pontellas, sendo os nosos maiores os que máis vivida teñen esta tradición. Ademais, confeccionaron e instalaron maios as asociacións veciñais O Castelo de Cans, As Mimosas de Carracido e San Salvador de Torneiros, así como a Asociación Cultural de Pontellas, a Asoc. Cultural Mosteiro de Budiño, a Asoc. Cultural A Lagoa de Orbenlle e a Asoc. Cultural San Xurxo de Mosende. Xunto aos seus maios, sitúanse os da cativada das escolas infantís Navuxil, Galiña Azul de Torneiros e Trastes.
Cada entidade elaborou o seu propio maio, dando lugar a un conxunto de creacións que reflicten tanto o respecto pola tradición como a capacidade creativa das novas xeracións.
O redor deles este sábado 2 de maio diferentes grupos tradicionais actuarán xunto a eles na Praza Arquitecto Antonio Palacios a partir das 19:00h.
A Exposición-Mostra dos Maios 2026 poderá visitarse ata o 4 de maio. Neste espazo aberto á veciñanza non só se celebra a chegada do bo tempo, senón tamén a herdanza dunha tradición que se mantén viva grazas á implicación colectiva.
A Mostra dos Maios consolídase así como unha cita destacada no calendario cultural do Porriño, unindo tradición e educación nunha actividade que medra ano tras ano, ensinando ás novas xeracións o valor da cultura popular galega.

