“O Porriño Conecta Talento”: Unha cita clave o 19 de maio para atopar emprego en máis de 50 grandes empresas

Redacción
Lectura mínima de 7

● Inclúe un “Talent Pitch”, un foro que permitirá aos candidatos expoñer as súas competencias e habilidades fronte a un xurado que valorará en directo cada intervención. Neste caso a empresa que fará a valoración e que chega cunha oferta de traballo firme é Abanca

● Medio cento de empresas participarán no “Talent hub”

● O Concello do Porriño é un dos municipios co PIB máis alto de toda Galicia, con 2,200 empresas e 3,5 millóns de metros cadrados de solo industrial

O Concello do Porriño organiza este 19 de maio o foro de emprego e desenvolvemento empresarial “O Porriño Conecta Talento”, unha xornada chea de contidos que busca dinamizar o mercado laboral local conectando a grandes empresas instaladas en Galicia con profesionais e persoas en busca de novas oportunidades.

Lonxe de ser unha feira de emprego ao uso, o foro nace como un evento dinámico e con varias vertentes. A máis novidosa é a celebración dun “Talent Pitch”, un foro que permitirá aos candidatos expoñer as súas competencias e habilidades fronte a un xurado que valorará en directo cada intervención. Neste caso a empresa que fará a valoración e que chega cunha oferta de traballo firme é Abanca.
“O teu talento en dous minutos”, así se chama este apartado no foro no que os candidatos terán ese tempo para mostrarse á empresa. Tras exposicións iniciais, para as que os candidatos xa poden enviar os seus currículos a conecta.talento@oporrino.org, os tres mellor valorados accederán directamente a unha entrevista con Abanca.
Ademais, outros perfís que resulten de interese poderán ser convidados a continuar o proceso de selección.
Esta actividade, novidosa, servirá para saír do foro cun contrato de traballo, pero tamén para que aquelas persoas que participen saían do proceso cun retorno sobre a súa intervención e os puntos a mellorar. Para aquelas persoas sen experiencia nos procesos de selección servirá tamén, como espectadores, para aprender os puntos claves destas entrevistas.

Será un evento de dinámica áxil e directa orientada a conectar talento e empresa nun formato breve pero de alto impacto.

Ademais, como O Porriño Conecta Talento busca ser un lugar onde atopar emprego de forma inmediata, contará tamén cun “Talent Hub” que propiciará o contacto directo entre as empresas con procesos de selección abertos e os candidatos. Neste caso os participantes poderán ter acceso a entrevistas persoais co medio cento de empresas confirmadas para este evento e que chegan tamén con procesos de selección abertos. O acceso realizarase mediante cita previa, que poderá solicitarse no stand de Porremprego a partir das 9:30 h.

Medio cento de expositores

Polo momento hai máis de medio cento de empresas confirmadas, moitas cunha importante carteira de pedidos e en procesos de contratación. “Non só queremos achegar xente a este foro, queremos que este foro os achegue ao seu futuro”, explicou o alcalde este luns durante a presentación do evento, destacando tamén que haberá unha zona específica de networking para fomentar o contacto directo.

Ademais, co obxectivo de axilizar o proceso e favorecer unha xestión máis eficiente e ecolóxica, non se recollerán currículos en papel. Cada empresa identificará as súas ofertas mediante un código QR, a través do cal as persoas participantes poderán enviar o seu CV de maneira directa. Desde o stand de Porremprego ofrecerase apoio e asistencia a todas aquelas persoas que o precisen durante o proceso.

Networking

Espazo destinado á xeración de contactos, intercambio de información e identificación de oportunidades profesionais.

Haberá tamén un obradoiro práctico sobre motivación e habilidades para a busca de emprego

Foro experiencias

O Porriño Conecta Talento inclúe tamén un “foro de experiencias” con vivencias e consellos prácticos de profesionais referentes que buscan expoñer as claves do éxito empresarial cun ciclo de conferencias no que participarán importantes nomes propios do mundo da empresa e da economía que darán “o consello que pode cambiar a túa vida”. O concello non desvelou aínda os nomes que participarán neste apartado, pero o alcalde do Porriño adiantou que serán “nomes de importante prestixio profesional” e moi recoñecidos, non só no mundo da empresa.

De momento, no apartado de conferencias o concello confirma unha sesión de coach, unha destacada charla sobe experiencia inspiradora ou un Talent Briefing no que participarán os directores de RRHH de importantes empresas da contorna. Haberá tamén un obradoiro práctico entre as moitas actividades do foro.

Destaca Lorenzo a aposta do goberno local polo emprendemento, o tecido empresarial, a creación de emprego e a formación. Unha aposta que se escenificará neste foro onde se porán fronte a fronte grandes empresas e empresarios, desempregados e estudantes para buscar sinerxias. Lembra Lorenzo que o emprazamento non pode ser mellor, sendo o Concello do Porriño un dos municipios co PIB máis alto de toda Galicia, con 2.200 empresas e 3,5 millóns de metros cadrados de solo industrial.

Foco na educación

O evento postúlase como unha oportunidade estratéxica tanto para persoas en procura activa de emprego como para estudantes de 4º da ESO, Bacharelato e Formación Profesional, que atoparán información clave sobre as múltiples saídas para dirixir o seu futuro profesional. Neste apartado, por exemplo, haberá unha conferencia sobre a
“Oferta formativa da Universidade de Vigo”, ademais da presenza de centros de FP e escolas de negocios que asesorarán aos mozos sobre as competencias máis demandadas polo mercado actual.

Este tipo de foros resultan esenciais para o ámbito educativo, xa que permiten reducir a fenda entre as aulas e o mundo laboral real. Ao interactuar directamente cos responsables de RRHH, os estudantes non só descobren que perfís buscan as empresas, senón que tamén comprenden a importancia das “soft skills” ou habilidades brandas, como a comunicación e a resiliencia.

Deste xeito, o “Porriño Conecta Talento” convértese nunha ferramenta de orientación vocacional de primeira orde, motivando ao alumnado a enfocar a súa formación cara a sectores con alta empregabilidade e fomentando un espírito emprendedor desde as etapas temperás da súa aprendizaxe.

Comparte este artigo