O Porriño convértese nun laboratorio urbano para que a mocidade deseñe a súa “Vila do Mañá”

Redacción
  • O legado de Antonio Palacios serve como eixo pedagóxico para que preto de 200 alumnos de cinco centros educativos redescubran e transformen o espazo público.
  • Deste proxecto nace GEOPorriño: unha serie de códigos QR situados en diferentes puntos significativos da vila, para crear un percorrido que permitirá descubrir e redescubrir espazos vinculados á obra de Antonio Palacios e á identidade do municipio
  • A arquitectura de Antonio Palacios plásmase tamén nos patios de outros tres centros educativos do Porriño

O Concello do Porriño pon en marcha “A Vila do Mañá”, unha innovadora proposta educativa, cultural e urbana que busca que as nenas, nenos e adolescentes do municipio sexan suxeitos activos na construción da súa vila. O proxecto, que conta co apoio do Ministerio de Cultura, utiliza o patrimonio histórico e a arquitectura local como ferramentas para imaxinar novos xeitos de habitar o espazo público.

E como non podía ser doutro xeito no municipio, Antonio Palacios, porriñés ilustre e referente da arquitectura  do século XX, é o fío condutor que vincula a memoria e a identidade local coas ideas de futuro das novas xeracións. Todo nun laboratorio urbano que vincula percepción, xogo, arquitectura e creación, que se converten en ferramentas pedagóxicas para activar a vila desde a ollada das novas xeracións.

Un proceso coa vila como taboleiro

O proxecto estivose a desenvolver  ao longo de catro a seis semanas en horario lectivo, coa participación directa de entre 150 e 200 alumnos do IES Ribeira do Louro, IES Pino Manso, Colexio Hermanos Quiroga, Ribeira e Colexio Santo Tomás.

Así, durante este tempo os participantes estivo identificando espazos simbólicos e significativos do municipio e deseñando dende as aulas un gran taboleiro   de xogo simbólico inspirado nos elementos locais. Este taboleiro plasmarase a escala real nos patios dos coles Quiroga, Ribeira e Santo Tomás; pero tamén, os alumnos e alumnas de Pino Manso e Ribeira do Louro, os inserirán   na propia vila a través do proxecto GEOPorriño,  unha serie de códigos QR situados en diferentes puntos significativos da vila, para crear un percorrido que permitirá descubrir e redescubrir espazos vinculados á obra de Antonio Palacios e á identidade do municipio. Unha ruta xeoocalizada, fomentando o movemento pola vila e invitando á cidadanía a observar o seu contorno desde unha nova mirada.

A proposta foi ideada polo alumnado mediante procesos participativos, sendo tamén eles e elas quen colaborarán na construción e colocación dos elementos da intervención.

A acción funciona como un xesto colectivo de apropiación do espazo público, no que a cidade se transforma nun xogo común feito coa mirada das xeracións máis novas.

Prímase neste proxecto a integración de elementos patrimoniais únicos de Antonio Palacios; a aposta por materiais de proximidade e reutilizables, como madeira, cartón, tecidos ou elementos naturais; o traballo directo co tecido urbano industrial e residencial do Porriño; a incorporación das redes sociais e medios dixitais como espazo de documentación e visibilización.

Comparte este artigo