- O Concello destinará un total de 4.500 euros para recoñecer o esforzo e o talento do alumnado empadroado no municipio que acade as mellores cualificacións nas probas de acceso á universidade.
O Concello do Porriño volve apostar polo recoñecemento ao talento e ao esforzo dos seus mozos e mozas. O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) publicou hoxe a nova convocatoria de premios dirixidos aos estudantes do municipio que obteñan un rendemento excelente nas Probas de Acceso á Universidade (PAU) deste ano 2026.
Cun investimento total de 4.500 euros, a administración local concederá un total de 15 premios de 300 euros cada un para as notas máis destacadas do expediente académico.
Requisitos para os aspirantes
Para poder optar a un destes recoñecementos, o alumnado debe cumprir os seguintes requisitos:
- Empadroamento: Estar empadroado/a no termo municipal do Porriño.
- Nota mínima: Ter participado na presente convocatoria da PAU 2026 e acadar unha nota mínima de 8,50 puntosna fase xeral (obrigatoria) do exame.
Prazo e presentación de solicitudes
O prazo para presentar a documentación e o anexo incluído na convocatoria será de quince días hábiles, contados a partir deste martes 23 de xuño (o día seguinte ao da publicación do extracto no BOPPO).
As solicitudes deberán tramitarse xunto co correspondente modelo oficial e a documentación requirida a través das canles habilitadas polo Concello.

