O centro do Porriño transformouse hoxe nunha improvisada galería de arte ao aire libre. O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañou esta mañá aos escolares da vila na inauguración da exposición “Mini Can Parede”, unha das actividades máis queridas e agardadas que serven de limiar ao recoñecido Festival de Cans.
Durante a xornada os alumnos máis dun cento de alumnos e alumnas dos diferentes centros educativos do Porriño participaron nesta xornada de creación colectiva na que decoraron os míticos cans do Festival.
Este proxecto, que tanto éxito acada entre os/as máis cativos/as da vila, volve para facer partícipes a todos os nenos e nenas, traballando xuntos (sen importar a idade) na decoración dun “Can Parede” (unha silueta do noso emblema oficial que a organización lles facilitará aos colexios participantes).
A temática é libre e o material decorativo tamén. Non hai restricións técnicas nin materiais.
Todos os “Mini Can Parede”- 9 siluetas- se exhibirán nos farois da zona peonil do Porriño
O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo poñer en valor o talento e o esforzo dos participantes durante o percorrido: “Cada ano os nosos nenos e nenas sorpréndennos coa súa creatividade e ilusión. O ‘Mini Can Parede’ demostra que a cultura pode e debe ser accesible, participativa e integradora dende as primeiras etapas da vida”. Neste mesmo senso a concelleira de Educación, Carolina Gonzalez, destacou que “esta actividade é unha oportunidade para que os rapaces se sintan parte activa do festival, ao tempo que desenvolven habilidades artísticas e valores fundamentais como a cooperación e o respecto polo traballo común”.

