● A formación, que comeza ás 12.00 horas deste mércores no Centro Cívico, presentará o programa ADOS da entidade
● Ofrece unha alternativa educativa aos menores con sancións administrativas relacionadas con esta droga
O cannabis é a droga ilegal máis consumida durante a adolescencia. É unha substancia que pode ter especial incidencia nos seus procesos cognitivos, xa que o cerebro aínda está en desenvolvemento. Por este motivo, o programa de Prevención da Asociación Érguete insiste en formar as familias e aos menores dos perigos desta droga e, tamén, en darlles unha alternativa a través do seu Programa ADOS a todos os menores que foron sancionados por consumir ou ter cannabis. É dicir, este servizo permite substituír a multa a cambio de comezar a asistir ao servizo que ofrece a Asociación Érguete para axudar aos menores a deixar de consumir. Este programa será presentado o vindeiro mércores ás 12.00 horas no Centro Cívico do Porriño cunha charla gratuíta enfocada a familias e profesionais.
A responsable de Prevención da Asociación Érguete, Noelia Romero, explica que con este programa pretenden “dar unha resposta socioeducativa a este problema social. Facilitamos información sobre as consecuencias derivadas do uso e abuso de drogas, modificando estereotipos sociais e culturais, e, tamén, facilitamos estratexias educativas que favorezan estilos de vida máis saudables para motivar a prevención de condutas de risco”. Ademais, insiste en que o programa xa atendeu a decenas de menores da área de Vigo e que ofrece aos adolescentes e as súas familias un lugar seguro e libre de prexuízos para tratar a problemática.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia de traer esta iniciativa ao municipio. “Dende o Concello temos o compromiso de protexer a saúde e o futuro dos nosos mozos e mozas. Non queremos que unha sanción sexa o final do camiño, senón o inicio dunha solución. Grazas ao programa ADOS e á colaboración con Érguete, cunha relación moi cercana co municipio, ofrecemos ás familias do Porriño unha ferramenta real para reconducir estas situacións dende a educación e o apoio, fuxindo do carácter puramente punitivo”. O rexedor citaba a Dora Carrera, unha das fundadoras da asociación a que este ano se lle outorga o Premio de Honra Antonio Palacios e que terá unha rúa no municipio.
Na Asociación Érguete lembran que os delitos máis frecuentes relacionados co cannabis son os que se cometen debido aos efectos da substancia: “Non podemos obviar a importancia de que unha persoa teña o seu primeiro contacto coa lei durante a adolescencia”, continúa Romero, que lembra que no momento en que a familia recibe a primeira notificación da sanción administrativa, pode comezar no programa ADOS da Asociación Érguete.
A charla no Porriño busca dar a coñecer entre as familias do municipio un servizo público ao que poden acceder chamando ao 986.250.240 ou escribindo un correo a prevencion@asociacionerguete.org

