- O pan é una seña de identidade no municipio. Parte do seu escudo e a sua historia.
Dende o pan de munición que se cocía no Porriño para os soldados franceses ata hoxe pasaron varios séculos, pero esa receta antiga, tradicional, segue viva e colleitando premios. O pan do Porriño non defrauda, nin para a cidadanía que o consume a diario, nin para os turistas que o levan como agasallo, nin tampouco para o xurado dos premios. De novo dúas panadarías do Porriño, Amaquía e Argibay veñen de conseguir as súas estrelas e a situarse no Top 50 de panadeiros de España.
Este premio pon en valor o traballo artesán, a calidade dos ingredientes e o respecto polos procesos tradicionais de elaboración lenta que caracterizan o pan da vila. Un produto que reúne calidade e simbolismo.
“Se falamos de pan falamos do Porriño”, apuntou o alcalde ao felicitar aos responsables de ambas panadarías, orgulloso de que o nome da vila siga colleitando éxitos. Do mesmo xeito eles nos explian cal é o seu sehgredo: cariño, que se traduce en tempo de fermentación. Aínda que ten moitas variedades, e non para de innovar en pans e postres, Luis Miguel Iglesias Lago, o responsable de Amaquía, confésanos que un dos seus segredos son “as fermentacións longas, que teña un pouquiño máis de conservación no tempo, que se pareza ao pan de antes: con codia, pezas grandes … Iso foi o que nos fixo crecer ata agora mesmo” . Do mesmo xeito Claudio Rodríguez Argibay, de Argibay explícanos que “o noso pan caracterízase por ter un bo sabor, unha boa conservación e unha boa corteza. É un pan tradicional que se fai con recetas e fariñas antigas. É un pan humilde, sinxelo, pero moi sabroso.”
Do mesmo xeito Montse Fernández Costas, copropietaria de Amaquía, apunta que o premio é un espaldarazo, “faite seguir, dache un pouquiño máis de ilusión para poder seguir no día a día, aínda que non deixa de ser unha responsabilidade”. No caso de Claudio, quédase coa experiencia: É unha oportunidade para compartir experiencias cos outros panadeiros e para seguir esforzándose un poquiño máis todos os días. Ao final, os premios son para iso: para recoñecer un pouco o traballo diario.”

