● A Shopping Night do venres e o gran desfile do sábado converteron a vila nun fervedoiro de xente, superando todas as expectativas de participación e vendas.
O Porriño pecha unha fin de semana histórica na que o comercio local demostrou a súa forza e capacidade de convocatoria. A cuarta edición da Fashion Weekend saldouse cun éxito absoluto, cumprindo o obxectivo de dinamizar a economía local e situar á vila no mapa das grandes citas da moda en Galicia.
A programación arrancou o venres coa Shopping Night, onde o comercio local viviu unha xornada de actividade frenética coas tendas abertas ata a media noite, veciños e visitantes aproveitaron os descontos e sorpresas nun ambiente festivo grazas á música dos seis DJ’s que encheron de ritmo as rúas do centro.
Tres horas de moda e a sorpresa de Maison
O prato forte chegou o sábado coa gran pasarela na Praza Antonio Palacios. Durante tres horas de desfile, conducido pola carismática Lucía Rodríguez, o público puido coñecer de primeira man as propostas do comercio local grazas aos modelos de Small Big Models .Os 27 establecementos participantes e as 10 perruquerías e salóns de beleza implicados demostraron o músculo do comercio local e o ben que lucen sobe a pasarela.
Nada que envexar, como se dixo na presentación, a Milán ou Paris.
Un dos momentos máis aplaudidos da tarde foron as intervencións da escola Maison. Os seus alumnos protagonizaron pases con actuacións integradas que achegaron unha gran frescura á pasarela. Porén, o momento máis impactante foi un flash mob multitudinario que pillou ao público por sorpresa: unha decena de artistas xurdiron de lugares insospeitados, como o balcón do Concello e outros puntos estratéxicos da praza, creando un espectáculo visual e sonoro que deixou a todos os asistentes abraiados.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, amosou a súa satisfacción polo desenvolvemento do evento: “Dixemos que non tiñamos nada que envexar a Milán ou París, e hoxe quedou demostrado. O Porriño é unha vila viva e o noso comercio é o mellor motor para a cohesión social e económica”.
Pola súa banda, a concelleira de Comercio, Rosa Isabel Alonso, destacou a gran afluencia de visitantes: “Conseguimos que a xente vivise unha experiencia única. A resposta do público e o esforzo dos comerciantes fan que a Fashion Weekend sexa xa unha cita imprescindible, como imprescindible todo o ano é o noso comercio local”.
A xornada completouse coa espectacular performance de Pablo Méndez, poñendo o broche de ouro a unha fin de semana onde a moda, a música e o talento local foron os únicos protagonistas.
O Porriño deu este venres o pistoletazo de saída á súa Fashion Weekend cunha Shopping Night que superou as expectativas tanto de participación como de actividade comercial. As rúas da vila enchéronse de xente ao longo de toda a tarde e noite nun ambiente animado que se prolongou ata as 00:00 horas, coas tendas abertas e
ofrecendo descontos, promocións e sorpresas para a clientela.
O comercio local foi o gran protagonista dunha xornada na que os establecementos participantes amosaron a súa satisfacción pola resposta da cidadanía e polo volume de vendas rexistrado. A combinación de horario especial, ofertas e animación nas rúas converteu o centro do Porriño nun espazo onde veciñanza e visitantes gozaron dunha experiencia de compra distinta á habitual. “Temos un gran tecido comercial, xente ademáis implicada, como se viu esta noite. Esta é a mellor proba de que, cando traballamos da man, os resultados chegan. O noso comercio non só vende produtos, crea vila e xera identidade”.
A música tamén acompañou esta cita con sesións de DJ repartidas por distintos puntos da vila, contribuíndo a crear un ambiente festivo e reforzando o carácter dunha iniciativa que xa forma parte da axenda da vila.
Tras o éxito desta primeira xornada, o Porriño encara agora o momento máis esperado da fin de semana: a Fashion Night, que terá lugar este sábado na praza Arquitecto Antonio Palacios. A partir das 17:30 horas, o emblemático espazo transformarase nunha gran pasarela ao aire libre, na que se presentarán as propostas de moda dos establecementos participantes.
O desfile contará coa participación da escola Small Big Models e estará presentado pola comunicadora Lucía Rodríguez. Ademais, o evento incluirá actuacións musicais da man de Maison, intervencións artísticas e distintas sorpresas que completarán unha experiencia que vai máis alá da moda.
Precisamente o alumnado de Maison protagonizará un dos momentos máis sorprendentes da noite do sábado cun flash mob que romperá coa estrutura tradicional da pasarela: unha decena de participantes irromperán desde distintos puntos de forma inesperada, aparecendo incluso no balcón do Concello, convertindo ao público e á praza do Arquitecto Antonio Palacios en pezas indispensable para esta velada.
O Concello do Porriño destaca a boa acollida da Shopping Night e a implicación do tecido comercial nun evento que busca dinamizar a economía local e reforzar a imaxe dunha vila activa, moderna e aberta. A previsión é que a xornada do sábado consolide este éxito cunha nova cita que converterá o Porriño no epicentro da moda durante toda a fin de semana.

