· OS INFORMES DE INTERVENCIÓN CONFIRMAN QUE O CONCELLO INCUMPRE O OBXECTIVO DE ESTABILIDADE ORZAMENTARIA EN -426.668,19 € E A REGRA DE GASTO EN -271.240,82 €
· OS POPULARES SOSTEÑEN QUE O GOBERNO LOCAL QUEDA OBRIGADO A APROBAR UN PLAN ECONÓMICO-FINANCEIRO PARA 2026-2027, LIMITANDO O USO DO REMANENTE E O GASTO MUNICIPAL
O Partido Popular de Vilaboa, a través do seu portavoz municipal Alberto Acuña, advirte de que o Concello entra nun Plan EconómicoFinanceiro 2026-2027 como consecuencia do incumprimento das regras fiscais na liquidación do orzamento de 2025.
Segundo consta nos informes municipais, a liquidación do orzamento do exercicio 2025 pon de manifesto que o Concello de Vilaboa non cumpre co obxectivo de estabilidade orzamentaria, cun importe negativo de -426.668,19 euros, nin tampouco coa regra de gasto, cun incumprimento de -271.240,82 euros. A consecuencia inmediata deste incumprimento é a elaboración dun Plan Económico-Financeiro para corrixir a situación durante o ano en curso e o seguinte.
Acuña sostén que “estamos diante dun documento que desmonta o discurso triunfalista do goberno municipal”. Para o portavoz popular, “cando un Concello está obrigado a aprobar un Plan Económico-Financeiro non estamos ante unha anécdota contable, senón ante unha chamada de atención sobre a forma na que se está gastando e planificando”.
O PP lembra que o propio informe de Intervención recolle que a estabilidade orzamentaria deixou de ser só un obxectivo de política económica para converterse nunha obriga legal e constitucional, e que as corporacións locais deben manter unha posición de equilibrio ou superávit orzamentario.
O GOBERNO MUNICIPAL GASTOU POR ENRIBA DO PERMITIDO
Desde o PP de Vilaboa sinalan que a regra de gasto é clara: o gasto computable das administracións non pode medrar por enriba da taxa de referencia establecida. No caso de Vilaboa, o gasto computable pasou de 4.593.455,47 euros en 2024 a 5.011.686,87 euros en 2025, superando o límite permitido e provocando un incumprimento de -271.240,82 euros.
“Traducido á linguaxe da rúa: o Concello gastou máis do que podía gastar segundo as regras fiscais. E agora hai que aprobar un plan para corrixilo”, afirma Acuña.
Os populares consideran especialmente preocupante que esta situación chegue nun momento no que o goberno local presume de boa xestión económica. “Unha cousa é ter remanente, pagar a provedores ou non ter débeda bancaria, e outra moi distinta é xestionar ben o gasto, planificar correctamente as inversións e cumprir as regras fiscais”, sinala o portavoz popular.
O PP lembra que o propio Plan Económico-Financeiro identifica como causas do incumprimento a utilización do Remanente de Tesourería para Gastos Xerais en modificacións orzamentarias, a baixa execución dos ingresos procedentes doutras administracións para financiar investimentos e o saldo da conta 413 de acredores por operacións devengadas, é dicir, gastos realizados sen consignación orzamentaria suficiente ou pendentes de aplicar correctamente ao orzamento.
O PLAN OBRIGA A LIMITAR O USO DO REMANENTE E A CONTENER O GASTO
Acuña advirte de que o Plan Económico-Financeiro non é un trámite menor, xa que obriga ao Concello a adoptar medidas correctoras. Entre elas, a limitación do uso do Remanente de Tesourería para Gastos Xerais, a redución dos gastos da conta 413 e unha maior coordinación na xustificación dos gastos subvencionados a medida que se executan as inversións.
“Durante anos advertimos de que non se pode gobernar a golpe de modificación de crédito, tirando de remanente e facendo anuncios sen unha planificación económica rigorosa. Agora é a propia Intervención a que deixa por escrito que esa dinámica ten consecuencias”, sinala Acuña.
O PP tamén chama a atención sobre o atraso na tramitación do plan. O informe de Intervención sinala que o incumprimento se constatou o 4 de marzo de 2026, mentres que o PEF se presentou o 19 de maio de 2026, indicando expresamente que se incumpre o prazo establecido pola normativa respecto da elaboración do plan, aínda que podería entrar en vigor antes do 4 de xuño.
Para Acuña, “non só se incumpren as regras fiscais, senón que tamén se apura ao límite a tramitación dun instrumento que debería ser tratado con máxima seriedade e transparencia”.
O PP PIDE RIGOR, TRANSPARENCIA E CONTROL DO GASTO
O Partido Popular de Vilaboa reclama ao goberno municipal que explique con claridade que gastos provocaron esta situación, que investimentos se financiaron con remanente, que facturas ou gastos quedaron na conta 413 e que medidas concretas se van aplicar para evitar novos incumprimentos.
“Os veciños teñen dereito a saber por que o Concello entra nun Plan EconómicoFinanceiro. Non chega con dicir que todo vai ben. Se todo fose tan ben, non estaríamos falando dun incumprimento da estabilidade, dun incumprimento da regra de gasto e dun plan obrigado para os anos 2026 e 2027”, afirma Acuña.
Desde o PP insisten en que Vilaboa necesita unha xestión económica máis prudente, máis transparente e máis planificada.
“Non se trata de alarmar, senón de dicir a verdade. O Concello non está en quebra, pero si está recibindo unha advertencia clara: hai que gastar mellor, planificar mellor e deixar de improvisar. A boa xestión non se mide polos titulares, mídese polo cumprimento das regras e pola responsabilidade no uso dos cartos públicos”, conclúe
Alberto Acuña.

