HomePontevedraPontevedraO PP apoia aos vendedores ambulantes que estarán 20 días sen traballar...

O PP apoia aos vendedores ambulantes que estarán 20 días sen traballar en Pontevedra porque o BNG non llo permite durante o Multisport

- Anuncio -spot_img

• Crespo demanda “ofrecer espazos alternativos” para que a feira realícese igualmente durante a celebración de eventos deportivos ou culturais

• “O alcalde continúa a súa cruzada contra o mercadillo ambulante, como xa demostrou coa súa negativa ao traslado definitivo á Alameda. Esta decisión unilateral de negarlles a posibilidade de traballar durante o campionato de tríatlon volve prexudicar a un sector vulnerable en Pontevedra”, engade o partido liderado por Rafa Domínguez

O grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra mostrou o seu respaldo aos vendedores ambulantes que, desde o pasado sábado 14 de xuño e ata o próximo 5 de xullo, veranse obrigados a interromper o seu traballo na cidade pola falta de planificación do goberno local do BNG, que non ofreceu ningunha localización alternativa ao seu emprazamento habitual en Rafael Areses durante a celebración do Mundial Multisport de Tríatlon.

Durante a comisión informativa de Réxime Interior, Participación, Persoal, Xustiza e Xeneral de Fondos Europeos, a concelleira popular Silvia Crespo instou ao goberno local a “ofrecer espazos alternativos provisionais ou axudas compensatorias naqueles casos nos que non sexa posible instalar os postos para manter a súa actividade habitual”.

Crespo destacou a importancia de “garantir a compatibilidade entre os eventos deportivos e o desenvolvemento da actividade comercial tradicional e ambulante, para evitar prexuízos económicos ás persoas que dependen deste traballo”.

Os populares denunciaron o “desprezo continuado do goberno do BNG cara aos vendedores ambulantes”, ao non ser informados con suficiente antelación, o que lles impediu reorganizar a súa actividade e minimizar as perdas económicas. Ademais, comprométense a que, cando accedan á alcaldía en 2027, integrarán a realidade da feira ambulante na planificación global dos eventos que acolla a cidade, para recoñecer o seu valor dinamizador, económico e social.

“O alcalde #Miguel Anxo Fernández Lores continúa coa súa cruzada contra o comercio ambulante, como xa demostrou coa súa negativa ao traslado á Alameda. Esta nova decisión unilateral de negarlles a posibilidade de traballar durante o Multisport volve prexudicar a un sector vulnerable en Pontevedra”, lamentaron.

A edil presentará un rogo no próximo pleno ordinario, que se celebrará o luns 23 de xuño, para reclamar unha mellor convivencia entre os distintos usos do espazo público e esixir que se respecten os dereitos dos traballadores do comercio ambulante.

Publicacións Relacionadas