O PP cualifica de “chapuza” os novos pasos de peóns da rúa Portugal: “Un remata nun xardín e outro contra unha palmeira”

Redacción
  • Rafa Domínguez e Silvia Crespo visitan os novos pasos de peóns da rúa Portugal e reclaman unha revisión técnica: “Crean barreiras onde deberían eliminarse”
  • Os populares alertan de que un dos pasos desemboca directamente nunha zona axardinada e o outro atopa como obstáculo unha palmeira

O portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, e a concelleira Silvia Crespo visitaron os dous novos pasos de peóns elevados da rúa Portugal, no barrio de Monte Porreiro, para analizar o resultado da actuación tras recibir varias queixas dos veciños da zona: “Crean barreiras onde deberían eliminarse”.  

Os populares comprobaron que os pasos de peóns non garanten a continuidade do itinerario peonil. Nun deles, desemboca directamente nunha zona axardinada e, no outro, o percorrido atópase coa presenza dunha palmeira de gran tamaño. Dous exemplos que consideran difíciles de compatibilizar co obxectivo de mellorar a accesibilidade na zona.

Os populares consideran que se trata doutra actuación de “Chapuzas Lores”, porque, se se executa un paso de peóns precisamente para mellorar a accesibilidade, “non ten sentido que, ao chegar ao outro lado, unha persoa con mobilidade reducida, en cadeira de rodas ou con carriño non dispoña dun itinerario peonil claro e continuo para poder continuar o seu camiño unha vez que cruza”, sinalou Crespo.

Desde o PP de Pontevedra consideran necesario que os servizos técnicos municipais revisen de inmediato a actuación e que o Goberno municipal do BNG explique como se garante a continuidade do itinerario peonil, así como as condicións de accesibilidade, seguridade e visibilidade da zona.

A visita de Domínguez forma parte do seguimento que o Partido Popular realizará das actuacións de asfaltados previstas en Pontevedra e, neste caso, en Monte Porreiro. Os populares percorrerán as rúas do barrio para comprobar sobre o terreo os traballos incluídos no plan de asfaltados, e coñecer tamén a situación daquelas vías que non aparecen entre as actuacións anunciadas.

Segundo a documentación do plan analizada por Crespo, a superficie prevista de actuación en Monte Porreiro chega aos 18.058,7 metros cadrados. Entre as rúas incluídas figuran diferentes vías do barrio, mentres que a rúa Holanda non aparece contemplada.

“Imos comprobar rúa por rúa que se está facendo, que queda pendente e se as actuacións que se executan cumpren realmente a súa función. En Monte Porreiro non se trata só de anunciar actuacións, é preciso investir no día a día e resolver os problemas reais dos veciños”, sinalou Crespo.

O Partido Popular trasladará ao Goberno local as incidencias que se detecten e solicitará as explicacións e solucións correspondentes.

Comparte este artigo