O PP de Pontevedra arremete contra o BNG pola súa pésima xestión do Gastroespazo: “Seguen de anuncio en anuncio e de fracaso en fracaso”

Redacción

• Pepa Pardo condena a falta de ambición do Gobierno municipal, que iniciou este proxecto en 2019 con 23 postos e que agora se conforma con cubrir sete dos dez locais ofertados

• A edil popular considera que “ao BNG non lle importa nin o Gastroespazo, nin o Mercado de Abastos, nin os traballadores e emprendedores que tratan de subsistir nunhas dependencias municipais que cada día están en peores condicións”

A concelleira e número dous do Partido Popular de Pontevedra, Pepa Pardo, denunciou o “abandono” que o Goberno local do BNG segue sometendo o Mercado de Abastos e, en concreto, ao Gastroespazo, tras un “novo fracaso” na licitación das postos vacantes con tan só sete ofertas presentadas á última convocatoria.

Pardo lamentou a falta de ambición e deriva do proxecto iniciado, durante o ano 2019, na primeira planta do Mercado con 23 postos ofertados para o despegamento dunha proposta que se prevía ilusionante. “En 2021 xa se perderan o 30% desas concesións. Era a crónica dunha morte anunciada pola falta de interese do Gobierno local. Por iso, a día de hoxe, apenas sobreviven tres locais. O BNG de Lores pretendía cubrir agora dez postos e tan só recibiron sete propostas. Xa son moitos anos de anuncio en anuncio e de fracaso en fracaso”, recriminou a edil do PP tras a valoración positiva dos nacionalistas.

A concelleira popular lembrou que a Praza de Abastos suma xa 23 anos desde a súa última gran reforma. “É hora de tomar as rendas e de propoñer un plan de dinamización adecuado. Para iso, é necesario afrontar as reformas estruturais do Mercado”, afirmou antes de lanzar a seguinte pregunta: “como imos dinamizar unha instalación municipal que de base xa funciona mal?”.

Pardo engadiu que ao BNG de Lores “non lle importa o máis mínimo nin o Gastroespazo, nin o Mercado de Abastos e, o que aínda é máis grave, os traballadores e emprendedores que tratan de subsistir nunhas dependencias municipais que cada día están en peores condicións”.

Os populares insistiron, unha vez máis, na necesidade de mellorar a xestión dos espazos de competencia municipal e tamén de afrontar as reformas necesarias que o Mercado leva anos reclamando: “Sen esas reformas non haberá plan que sobreviva, nin plan que triunfe. O BNG di agora, no último ano electoral, que van facer un importante investimento nos próximos meses, pero o certo é que xa ninguén lles cre”, expresou Pardo.

Para rematar, a número dous do PP pediu ao alcalde que “deixe de tirar o diñeiro de todos os pontevedreses e póñase a xestionar algo de xeito decente porque, nos últimos anos, non parou de acumular fracasos pola falta de conservación e mantemento dos seus propios proxectos”.

Comparte este artigo