- Guille Juncal denuncia a “evidente falta de planificación” do alcalde e da concelleira de Deportes ao non comezar as obras durante o parón por vacacións de verán
- Os populares levan anos reclamando que as actuacións nas instalacións deportivas municipais se executen durante este período para non prexudicar aos clubs e deportivas da cidade
O concelleiro do Partido Popular de Pontevedra Guille Juncal denunciou unha “nova mostra da falta de previsión” do Goberno municipal do BNG e da concelleira de Deportes, Anabel Gulías, ao non ser capaces de iniciar as obras de renovación dos campos de fútbol da Xunqueira durante os meses de verán.
Juncal lamentou esta decisión e asegurou que pon de manifesto unha “evidente falta de planificación” por parte dos responsables municipais do Concello de Pontevedra, xa que os traballos se desenvolverán nun momento de máxima actividade para os clubs da cidade, ao coincidir cos primeiros meses da nova temporada deportiva.
“O lóxico sería aproveitar os meses de verán para executar unhas obras tan necesarias e demandadas, dando cumprimento ao convenio asinado en xullo de 2025 coa Deputación de Pontevedra, para mellorar os dous terreos de fútbol 8 que rexistran unha intensa actividade durante o resto do ano”, sinalou o concelleiro do PP.
Para o edil popular esta situación evidencia que “nin o alcalde nin a concelleira responsable tiveron en conta as necesidades reais dos nosos deportistas”, ao mesmo tempo que considera que amosan “un profundo descoñecemento do funcionamento ordinario dunha temporada deportiva” e da importancia de programar este tipo de intervencións no período máis longo sen actividade.
Ademais, lembrou que o Partido Popular leva anos reclamando que as obras de mantemento e renovación das instalacións deportivas municipais se traten de executar sempre durante os meses de verán: “Parécenos de sentido común aproveitar o parón por vacacións para realizar a substitución do céspede artificial dos dous campos, sen afectar aos adestramentos nin ás competicións”, afirmou Juncal.
Por último, o concelleiro do PP asegurou que este novo atraso é unha mostra máis da falta de sensibilidade do Goberno de Lores cara ao deporte pontevedrés e do seu “escaso coñecemento da realidade” á que se enfrontan diariamente os clubs e deportistas da cidade.

