O PP de Pontevedra critica que a “falta de previsión e de xestión urbanística do BNG de Lores volve castigar o peto dos pontevedreses”

Redacción

• Un novo pau condena ao Concello de Pontevedra a abonar 1,5M€ a un particular tras a expropiación por ministerio da lei dunha parcela situada na contorna do Gafeños

A concelleira do Partido Popular de Pontevedra Pepa Pardo criticou o novo pau polo que o Concello deberá abonar 1,5 millóns de euros aos propietarios duns terreos tras a expropiación por ministerio da lei dunha parcela de 741 metros cadrados situada entre a avenida de Vigo e María Victoria Moreno.

Pardo ligou esta situación coa existencia dun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) “obsoleto”, vixente desde 1989, que “provoca reveses como este, con importantes consecuencias económicas para as arcas municipais e, por tanto, para todos os veciños e veciñas da cidade”.

“A falta de previsión e de xestión urbanística por parte do BNG de Lores volve castigar aos petos de todos os pontevedreses”, lamentou a edil popular, quen considera que este novo pago é “un suma e segue dos múltiples paus que está a recibir o Concello coas expropiacións por ministerio da lei”.

A secretaria xeral do PP sinalou que a orixe desta situación está na ausencia dun plan urbanístico actualizado. “Non ter un Plan Xeral de Ordenación Municipal actualizado, que xestione e planifique urbanisticamente a nosa cidade como debe ser, está a ter consecuencias económicas moi importantes”, asegurou.

A concelleira lembrou que Pontevedra continúa rexéndose por un PXOM de 1989, unha circunstancia que “o BNG aproveita para impedir o desenvolvemento urbanístico da nosa cidade”.

Os populares lembran que este non é un caso illado. Nos últimos anos sucedéronse distintas resolucións xudiciais relacionadas con expropiacións por ministerio da lei que obrigaron ao Concello para afrontar importantes indemnizacións por terreos afectados polo plan sen que se desenvolvesen durante décadas.

“O diñeiro non é do señor Lores; é de todos os pontevedreses”, insistiu Pardo, antes de lembrar que cada vez que “o Concello ten que afrontar unha indemnización millonaria “por esta falta de planificación, quen acaba pagando as consecuencias son os veciños.”

Por iso, o Partido Popular volve reclamar ao Gobierno local do BNG que impulse canto antes unha novo PXOM. “O que ten que facer o señor Lores é un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal”, concluíu a concelleira, convencida de que a cidade non pode seguir soportando o custo económico de case catro décadas sen renovar o seu plan urbanístico.

Comparte este artigo