O PP de Pontevedra denuncia 10 meses de atraso na creación da comisión especial sobre seguridade

Redacción
Lectura mínima de 3

• Pepa Pardo lamenta que Lores e o BNG gardasen a iniciativa, aprobada por populares e socialistas, no caixón dos incumprimentos plenarios

• Os populares reprochan o “silencio cómplice” do PSOE e vincúlano directamente ao cambio de rumbo dos socialistas durante o mandato

O Partido Popular de Pontevedra esixiu o cumprimento inmediato do acordo plenario aprobado en xuño de 2025 para a creación dunha comisión especial para o estudo e a mellora da convivencia cidadá.

A concelleira do PP Pepa Pardo lembrou que esta iniciativa foi aprobada polo Pleno municipal, cos votos a favor de populares e socialistas, tras a negativa do BNG e do PSOE para apoiar a proposta do Partido Popular para constituír un Consello de Seguridade Cidadá. “Eles son sectarios, nós non. O noso único obxectivo é mellorar a calidade de vida dos pontevedreses e reforzar a seguridade nas rúas”, afirmou.

Xa en novembro, o Partido Popular interesouse no Pleno pola creación desta comisión, que debería iniciarse por mor da sesión plenaria de xuño, sen obter unha resposta concreta. A tenente de alcalde, Eva Villaverde, “saíu por peteneiras” aludindo supostas valoracións sobre a súa “virtualidade”.

Dez meses despois da celebración do Pleno extraordinario sobre seguridade, convocado a pedimento do PP, o acordo continúa sen materializarse. “Que foi desta comisión? Por que non a levan a efecto?”, cuestionou a edil popular tras insistir en que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, adopta unha “actitude caciquil” ao facer caso omiso aos mandatos plenarios.

“É inaceptable que este acordo democrático quede gardado nun caixón. Non estamos ante unha cuestión menor, senón ante unha ferramenta necesaria para mellorar a convivencia e responder a unha das maiores preocupacións dos veciños das zonas afectadas”, engadiu Pardo.

Doutra banda, reprochou o “silencio cómplice” do PSOE, impulsor da comisión aprobada e que, con todo, non esixiu a súa posta en marcha durante todo o ano: “Non só o BNG non a creou, é que o PSOE nin sequera se molestou en preguntar que pasou coa súa propia iniciativa”.

O PP de Pontevedra vincula esta falta de iniciativa directamente co cambio de rumbo dos socialistas durante o mandato, que suavizaron a súa postura crítica coa xestión municipal do BNG. “Empezamos a entender a súa abstención de onte en comisión á nosa moción relativa ao cumprimento dos acordos plenarios”, concluíu.

Comparte este artigo