O PP de Pontevedra denuncia a deterioración de Barcelos e reclama melloras urxentes no parque infantil

Redacción

• Pepa Pardo e Silvia Junco continúan a rolda semanal que o PP realiza por rúas, barrios e parroquias, para recoller todas as demandas veciñais e supervisar o estado dos espazos públicos

• “É indignante que os nenos e mozos teñan que xogar en áreas recreativas en mal estado, mentres o BNG de Lores insiste en dicir que todo está ben”, asegura a número dous dos populares


O Partido Popular de Pontevedra denunciou a “deterioración progresiva” da imaxe da contorna da Praza de Barcelos e Cobián Roffignac, onde existen problemas de limpeza, mantemento e conservación das zonas verdes e do parque infantil.

A visita enmárcase na rolda semanal que o grupo municipal do PP leva realizando todo o mandato polas rúas, barrios e parroquias da cidade; co obxectivo de recoller demandas veciñais e supervisar o estado dos espazos públicos que dependen directamente do Concello de Pontevedra.

As concelleiras Pepa Pardo e Silvia Junco percorreron Barcelos para advertir do mal estado de conservación do mobiliario urbano e, en particular, criticar a falta de vontade política do Gobierno local coa zona de xogos, especialmente coa área infantil da praza: “É indignante que os nenos e mozos teñan que xogar en instalacións municipais nun estado deplorable, mentres o BNG de Lores insiste en dicir que todo está ben e que non pasa nada”, lamentou Pardo.

Ademais, as edís do PP mantiveron varios encontros con comerciantes da zona, quen coincidiu en trasladarlles peticións relacionadas cos problemas de mobilidade, a falta de aparcamento e de iluminación pública. Neste sentido, a número dous dos populares comparte a preocupación dos negocios ante a necesidade de “mellorar a fluidez de tráfico no centro urbano, crear máis aparcamentos disuasorios e mellorar a iluminación” para favorecer a actividade comercial e reforzar a seguridade urbana.

Pardo asegurou que Pontevedra necesita investir en benestar e calidade de vida, para solucionar os problemas reais da cidadanía: parques infantís en condicións, rúas e beirarrúas sen fochas, e solucións para o pequeno comercio, que continúa sufrindo con moitas dificultades para atraer clientes pola falta de aparcamento.

Para rematar, referiuse ao “abandono de funcións do alcalde, que trata aos pontevedreses coma se fosen bobos, mentres descoida a xestión municipal do día a día”, concluíu.

Comparte este artigo