- Bea Rey advirte da acumulación de lixo, da falta de conservación do mobiliario público e das deficiencias de accesibilidade da única praia marítima de Pontevedra
- “Lores presume de modelo de cidade mentres existen espazos públicos, a menos de 4km, que presentan este nivel de desleixamento”, asegura
A concelleira do Partido Popular de Pontevedra Bea Rey denunciou o estado de abandono no que se atopa a praia da Posta, en Os Praceres, cando a campaña de verán xa está en marcha en plena onda de calor. Esta mañá visitou o areal tras recibir varias queixas dos veciños e sinalou que “as imaxes falan por si soas”.
A edil do PP comprobou a presenza de lixo acumulado na propia area con cabichas e bolsas de plástico, restos de poda procedentes das árbores lindeiras, o deterioro dos tres carteis informativos, unha rampla de accesibilidade cunha pendente excesiva e diversas deficiencias no mobiliario urbano, con dúas papeleiras en mal estado e un pequeno contedor situado dentro da praia.
Rey defendeu que todos os veciños e veciñas de Lourizán, así como todas as persoas que elixen este areal durante o verán, “merecen unha praia limpa, coidada e cun mantemento adecuado, especialmente nos meses estivais cando se rexistra unha maior afluencia”.
Dende o PP de Pontevedra “levamos demasiados anos reclamando ao alcalde e ao BNG que garantan uns servizos públicos mínimos de calidade nos barrios e no rural pontevedrés. Lores presume de modelo de cidade mentres existen espazos públicos, a menos de catro quilómetros do centro, que presentan este nivel de desleixamento”, asegurou.
Neste sentido, Rey lembrou que os veciños e veciñas das 15 parroquias do rural “cumpren coas súas obrigas e pagan os seus impostos para recibir, como mínimo, uns servizos públicos de calidade”. O PP de Pontevedra é partidario de responder ás necesidades dos pontevedreses cunha planificación constante e reforzada cando os espazos de recreo rexistran unha maior utilización, como é o caso das praias.
A concelleira popular insistiu en que “os mantemento das praias e dos espazos públicos non pode depender das queixas da veciñanza nin de que o grupo municipal do PP teña que levar reiteradamente estas demandas ás comisións informativas”.
Por último, reiterou á esixencia ao Goberno municipal para que actúe de maneira inmediata na praia da Posta e que “deixe de centrarse na propaganda porque Pontevedra non remata no centro da cidade”.

