- Aroa Otero rexistra una moción ante as graves deficiencias de limpeza, conservación, accesibilidade e servizos básicos dos camposantos de San Amaro, Bora, Campañó, Lérez e Ponte Sampaio
- “O cemiterio de Ponte Sampaio estivo dous meses sen luz e continúa sen auga, o que obriga aos veciños e veciñas a ter que transportar a auga dende as súas casas”, asegurou
A concelleira do Partido Popular de Pontevedra Aroa Otero esixiu ao Goberno local a elaboración do primeiro Plan de Mantemento, Humanización e Accesibilidade dos cinco cemiterios municipais da cidade para que “o BNG se acorde dos camposantos máis alá do 1 de novembro”.
A edil sinalou que a situación actual é “absolutamente inaceptable”, recordando que os camposantos son espazos de memoria, de respecto e de encontro co recordo dos seres queridos; ademais de formar parte do patrimonio histórico, cultural e sentimental de Pontevedra.
O PP de Pontevedra xa advertiu publicamente, en reiteradas ocasións, da falta dun plan de mantemento serio e rigoroso por parte do BNG de Miguel Anxo Fernández Lores. En outubro de 2023 foi ignorada a petición dos populares e agora, camiño de dous anos despois, a realidade dos cemiterios reflexa que non só non mellorou, senón que “o estado dos camposantos vai a peor debido á ausencia total de planificación e compromiso dos responsables nacionalistas”, acusou.
Neste sentido, puxo de manifesto as graves deficiencias en materia de limpeza conservación, accesibilidade e servizos básicos dos camposantos de San Amaro, Bora, Campañó, Lérez e Ponte Sampaio.
“O cemiterio de Ponte Sampaio chegou a estar dous meses sen luz e leva anos con problemas no abastecemento de auga. De feito, a día de hoxe segue sen este servizo esencial, o que obriga aos propios veciños e veciñas a transportar auga dende as súas casas e sen poder acceder aos aseos”, denunciou Otero.
Tamén destacou a importancia de coidar e poñer en valor o cemiterio de San Amaro, unha xoia patrimonial inaugurada en 1879 e proxectado por Alejandro Sesmero.
Por outra banda, a bancada popular bota en falta un plan real de accesibilidade para “eliminar barreiras arquitectónicas como as dos camposantos de Bora ou Ponte Sampaio, que impiden que persoas con mobilidade reducida poidan acceder ás lápidas dos seus familiares. Unha situación impropia dun Concello como o de Pontevedra, que presume de facerlle a vida máis sinxela ás persoas, mentres vulnera un principio básico de igualdade e respecto”.
Ante a inacción do BNG, o PP de Pontevedra rexistrou este martes unha moción para elaborar e executar un Plan de Mantemento, Humanización e Accesibilidade para os cinco cemiterios municipais; resolver de inmediato os problemas de abastecemento de auga do camposanto de Ponte Sampaio, poñer en marcha un Plan de Accesibilidade Universal, que elimine as barreiras arquitectónicas; e a humanización e posta en valor do de San Amaro, como espazo de memoria e patrimonio histórico da cidade.
Otero concluíu asegurando que o estado actual dos cemiterios municipais de Pontevedra “non só supón unha falta de respecto ás familias, senón tamén á historia de Pontevedra. E iso, dende o Partido Popular, non o podemos permitir”.

