- Os populares enmarcan esta suposta iniciativa na relación de compromisos incumpridos de Dolores Castiñeira, como a zona empresarial do Cerquido, tamén con Zona Franca, o Plan Xeral ou as rotondas de conexión das estradas locais e autonómicas
- O voceiro municipal, Santi Davila, lamenta a “irresponsabilidade de xogar coa xente con iniciativas de fantasía” e ironiza coa superficie do PERI da Gándara, xa que a rexedora xa comprometeu alí un centro de día, unha gardería, un pavillón, un auditorio e agora este centro
O grupo municipal do PP de Salceda de Caselas vén de anunciar que a construción dun Centro de Negocios por parte de Zona Franca anunciado hai uns días polo seu delegado, David Regades, e a alcaldesa, Dolores Castiñeira, non se vai construír e acusou á rexedora de “mentirlle continuamente aos veciños con proxectos de ficción”.
“Nótase que quedan once meses para as eleccións municipais e, dado que non hai proxectos que vender e a xestión é desastrosa, pois o goberno de MS recurre a Zona Franca para vender unha fantasía coa que tentar espertar ilusión pero a realidade e o tempo a desminten”, sinalou o voceiro popular, Santi Davila, que lamentou esta “política de engano reiterado a sabendas coa tristeza de que, na normativa española, non haxa ningunha maneira de sancionar estas actitudes enganosas e de mera propaganda”.
Os populares indicaron que este proxecto de Centro de Negocios non se vai facer, porque nin está confirmado, nin ten prazos, nen ten partida orzamentaria e ademais están os precedentes de Zona Franca “que leva prometidos decenas de proxectos de parques empresariais e centros de negocios por toda a provincia co resultado nefasto dos mesmos”.
Ademais, o PP salcedense enmarcou esta suposta iniciativa na relación de compromisos incumpridos de Dolores Castiñeira, entre os que se atopan o desenvolvemento da zona empresarial do Cerquido, a prioridade para o Plan Xeral ditaminada hai sete anos e sobre o que non hai nin un só documento neste mandato, ou a construción de rotondas para conectar as pistas municipais coas estradas autonómicas publicitada cun enorme cartel hai cinco anos e fai uns meses, entre outras falsidades e incumprimentos.
“Temos un goberno en Salceda caracterizado, ademais de por empufarnos en 5,5 millóns de euros, pola mentira, a fantasía, o fume, o engano masivo aos veciños e as falsas expectativas, que é algo que comprobamos con estes proxectos que nunca chegan e incluso coa eliminación do voceiro do PP dunha foto cun programa informático”, aseverou.
Por outra banda, Santi Davila calificou de “barbaridade” a proposta da alcaldesa de ubicar ese Centro de Negocios “que nunca vai chegar no PERI da Gándara, xa que ironizou coa falta de superficie para todos os proxectos que anunciou para esa contorna: “Para ese ámbito, no que caben tres edificacións, máis menos, prometeu un centro de día, unha gardería, un pavillón, un auditorio e agora este centro de negocios, polo que supoñemos que estarán uns enriba dos outros”, Rematou decindo “que todo lle vale e todo vai utilizar, ata os cartos dos veciñ@s, con tal de seguir manipulando e vendendo fume os salcedenses”.

