O PP esixe a Lores que “volva á senda da democracia e permita aos bombeiros celebrar o seu patrón”

adminON
Lectura mínima de 3

• Domínguez e Pardo visitan o parque de bombeiros para mostrar o seu absoluto respecto e agradecemento cara a esta profesión polo día do seu patrón San Juan de Dios

• Os populares recomendan ao alcalde que “deixe de castigar a veciños e colectivos sociais ou profesionais”, como sucede cos bombeiros por ter “discrepancias” co Concello na xestión dos seus dereitos e reivindicacións laborais

O portavoz municipal do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, e a concelleira Pepa Pardo visitaron este mediodía o parque de bombeiros para felicitar o “labor encomiable” dos seus profesionais e facer un chamamento ao alcalde da cidade: “Lores debe volver á senda da democracia e permitir aos bombeiros a celebración deste día do seu patrón San Juan de Dios”.

A negativa do goberno local á conmemoración desta festividade no parque de bombeiros, onde se celebra tradicionalmente, é “consecuencia do conflito que o nacionalista mantén aberto cos traballadores municipais” e do seu “pouco talante democrático”, reprobaron os populares.

Como gañadores das eleccións municipais, recomendan ao rexedor municipal que “deixe de castigar a veciños e colectivos sociais ou profesionais”, como sucede cos bombeiros porque, no caso destes traballadores, teñan “discrepancias” co Concello pola xestión dos seus dereitos e reivindicacións laborais.

A xustificación do Goberno local para impedir a celebración do día do seu patrón, alegando que non se dan as circunstancias e que non se autoriza a celebración de eventos que non organice o Concello nas instalacións municipais, é unha “invención máis do Bloque, que non só impide que se celebre no parque de bombeiros coa recepción das autoridades, senón que tamén lles prohibe que o poidan festexar pola súa conta”.

A pesar de non se convocou ningún acto de celebración ou homenaxe, Domínguez e Pardo quixeron visitar o parque de bombeiros para mostrarlles a súa solidariedade #ante un alcalde que “debe pensar máis nos cidadáns” e “recoñecer o traballo excelso daqueles traballadores que poñen en risco as súas vidas por salvar as dos demais”.

Comparte este artigo