O PP esixe ao BNG de Lores que tome medidas urxentes fronte ao “caos circulatorio” que colapsa Pontevedra

Redacción

• Pepa Pardo considera necesario e positivo o plan de asfaltado, pero denuncia que unhas obras imprescindibles estean a executarse sen unha planificación adecuada, provocando un grave prexuízo aos condutores

• Os populares cualifican de “despropósito” que os condutores perdan máis dunha hora para percorrer uns poucos quilómetros no centro e que os vehículos de emerxencia queden “atrapados” no colapso circulatorio

A concelleira e secretaria xeral do Partido Popular de Pontevedra, Pepa Pardo, denunciou o “auténtico caos circulatorio” que se viviu esta semana na cidade como consecuencia da “absoluta falta de previsión e planificación” do Gobierno nacionalista de Miguel Anxo Fernández Lores na execución do plan municipal de asfaltado.

Pardo responsabilizou ao BNG polos “insoportables” colapsos de tráfico rexistrados durante os últimos días, con retencións que o martes chegaron a superar a hora de espera para numerosos condutores. Un problema de mobilidade que cualificou como un “despropósito” e unha “vergoña” para unha cidade como Pontevedra.

“A mellora do firme das nosas rúas é unha actuación positiva, que nós tamén consideramos necesaria. O que denunciamos é que unhas obras imprescindibles estean a executarse sen unha planificación adecuada, provocando un prexuízo enorme a miles de veciños e visitantes que se desprazan en coche pola cidade”, explicou.

A edil do PP de Pontevedra argumentou que o Goberno de Lores volveu a demostrar que vive afastado da realidade e dos problemas reais que afectan os pontevedreses. “Un alcalde que está encerrado no seu despacho e que non pisa a rúa é imposible que coñeza de primeira man as problemáticas da súa cidade”. Ademais, criticou a falta de xestión do BNG, “incapaz de anticiparse ás consecuencias dunhas obras que debían organizarse con maior previsión, información e alternativas para minimizar o impacto sobre a mobilidade”, asegurou.

Pardo considera “inaceptable” que unha persoa teña que perder máis dunha hora para percorrer uns poucos quilómetros no centro de Pontevedra e que os vehículos de emerxencia queden “atrapados” no colapso circulatorio.

O plan de asfaltado trasládase este mércores á zona da ponte dos Tirantes. Por iso, reclamou ao Concello que adopte de forma inmediata medidas para reducir as afeccións ao tráfico, coordinando mellor as actuacións, reforzando a información aos condutores e establecendo plans de mobilidade que eviten que a cidade volva permanecer bloqueada durante horas.

“Os veciños non poden seguir pagando as consecuencias da improvisación do Gobierno de Lores. Pontevedra necesita ter as estradas en bo estado, pero tamén necesita uns dirixentes municipais capaces de planificar, xestionar e facer máis doado o día a día aos pontevedreses que viven ou traballan na nosa cidade”, concluíu.

Comparte este artigo