O PP levará ás Cortes Xerais a demanda dunha nova saída da AP-9 en Poio, a instalación de pantallas acústicas e «que o Goberno de Sánchez respecte a veciñanza»

Redacción

●         A senadora Nidia Arévalo, o deputado Juan Bayón e o alcalde Ángel Moldes anuncian unha fronte común do Concello e os representantes pontevedreses en Madrid para facer realidade unhas demandas “históricas, realistas, viables” aprobadas unanimemente no Pleno de Poio

●         O Grupo Popular no Senado presentará unha moción na Comisión de Transportes para instar a que se comecen os traballos preparatorios para executar ambas as propostas. Nidia Arévalo:  “Reto ao PSOE a que vote en Madrid o mesmo que en Poio”

●         Os representantes populares lamentan “o abandono absoluto do Goberno de Sánchez á provincia” e a “falta de escoita e de respecto institucional” que supón que “o subdelegado do Goberno non se reúna co alcalde de Poio e con outros alcaldes, nin atenda as necesidades da provincia”

O Partido Popular da provincia de Pontevedra anunciou hoxe en Portosanto que trasladará ao Congreso dos Deputados e ao Senado a demanda da construción dunha nova saída da AP-9 neste punto de Poio, a instalación de pantallas acústicas ao paso da autoestrada polo municipio e a esixencia de que a Delegación do Goberno atenda dunha vez ao alcalde para estudar ambas as actuacións.

A senadora Nidia Arévalo, o deputado no Congreso Juan Andrés Bayón e o alcalde de Poio e presidente local, Ángel Moldes, compareceron no lugar no que se propón habilitar a conexión, xunto a concelleiros populares da localidade para anunciar unha fronte común dos grupos do PP no Concello e nas Cortes, onde se rexistrarán iniciativas para esixir ao Executivo central estudos técnicos, respostas formais, previsión orzamentaria e un calendario que permita avanzar nunhas peticións históricas que o Pleno de Poio vén de aprobar novamente por unanimidade na sesión de agosto.

Moldes fixo un repaso das propostas, impulsadas durante os últimos anos no Pleno municipal e nas distintas cámaras das Cortes Xerais, que suporían unha importante mellora na mobilidade e a seguridade da veciñanza de Poio e de moitos usuarios de toda a provincia.

Así, a proposta de novo ramal para a AP-9 no municipio concretaríase unha nova saída da AP-9 en Portosanto, no punto quilométrico 130 en dirección Vigo, unha actuación coa que se pretende ofrecer unha alternativa rápida e segura ao nó de Bombeiros e á Barca para boa parte da veciñanza de Poio, así como para as persoas que diariamente se desprazan ao municipio por motivos laborais ou para visitalo. A proposta permitiría, ademais, retirar tráfico dos actuais accesos ás estradas PO-308 e PO-531, especialmente vehículos pesados, contribuíndo a aliviar dous dos principais eixes de comunicación do municipio e a reducir a presión circulatoria na contorna da Barca.

O alcalde e presidente local do partido destacou no punto no que se propón habilitar esta nova saída xa existe un carril de incorporación á AP-9 en dirección Vigo, está nun tramo libre de peaxe. Ademade,  os terreos sobre os que sería necesario intervir xa son de titularidade estatal, polo que non sería preciso acometer expropiacións nin adquirir novos terreos para executar a conexión, o que facilita tamén a realización desta actuación. Moldes insistiu tamén en que este é o momento adecuado para reiterar esta proposta ao Goberno de España, tendo en conta a modificación que debe realizarse no proxecto do nó de Bombeiros.

Ademais, explicou a outra solicitude aprobada en Pleno para instalar pantallas acústicas nos puntos nos que a proximidade da autoestrada provoca maiores afeccións sobre as vivendas e os núcleos de poboación. O obxectivo é reducir o impacto do ruído xerado polo tráfico da AP-9 e mellorar a calidade de vida da veciñanza das zonas afectadas, toda vez que a zona non forma parte do “Mapa de Ruídos” aprobado polo executivo a principios de 2026.

Por último, lembrou que tanto desde a alcaldía como desde o Pleno se solicitou formalmente unha reunión coa Subdelegación ou na Delegación do Goberno para avanzar no estudo das propostas, solicitude que non foi atendida, pese a ser reiterada en 2022 e 2025.

“Vemos como moitas veces saen nos medios proxectos de miles de millóns de euros para conseguir efectos moito menores do que pedimos aquí”, cunha actuación coa que se quitarían “miles de vehículos diarios do nó da Barca” e beneficiando a moitos veciños, traballadores e profesionais.

“A ver se agora que ten o voto unánime de tódolos grupos do Concello, PSOE e BNG amosan coherencia e votan en Madrid o mesmo que votaron no Concello de Poio”, apuntou o rexedor.

FRONTE COMÚN E INICIATIVAS NAS CORTES XERAIS

Arévalo destacou que «levamos os últimos meses falando do estado calamitoso das infraestruturas na provincia de Pontevedra e do abandono absoluto do goberno de Sánchez e do Ministerio de Transportes», abandono que se suma á falta de escoita, coordinación e atención por parte do executivo central e que se fai máis visible ante peticións como esta, dunha actuación «vital para a provincia, sinxela e que pide por unanimidade o Concello de Poio».

A senadora subliñou tamén a necesidade de actuar contra o ruido da AP-9, que en San Salvador afecta a preto de 3.000 veciños, e lamentou que o Executivo deixara fóra a Poio do “Mapa do Ruído” aprobado a principios de ano con medidas para paliar a contaminación acústica.

A senadora subliñou que ambas as actuacións -a creación desta saída da AP-9 e a instalación de pantallas- facilitarían moitísimo a vida de moitos pontevedreses, pero “evidentemente, o que menos lle importa ao goberno de España é mellorar a vida dos pontevedreses”.

Con todo, para Arévalo “o intolerable, e que non podemos entender é que os alcaldes e alcaldesas sigamos a non ser atendidos polo goberno de España”, na figura do subdelegado e o delegado do Goberno: “É unha falta de respecto institucional. Abel Losada ten que atender a Ángel Moldes, ten que atender os problemas estatais na provincia e é lamentable que un ano despois teña que dicir aquí un alcalde que o subdelegado do Goberno non atende aos veciños de Poio” e non ten respecto institucional pola veciñanza da provincia.

Co goberno de Sánchez “non hai orzamentos, non hai escoita, non hai comunicación… non hai nada”, e fronte a iso hai un partido, o PP,
que está a presentar propostas sensatas, sensibles e de solución para a cidadanía da nosa provincia”.

Por iso, anunciou, a vindeira semana o Grupo Popular no Senado presentará unha moción na Comisión de Transportes do Senado para instar a que se faga o estudo relativo a estas peticións do Concello de Poio: “E anuncio que vou retar ao PSOE a que sexa valente e vote o mesmo en Madrid que en Poio, porque xa estamos acostumados a que fagan unha cousa en Madrid e outra nos seus concellos”.

“Se en Madrid non defende o que Poio quere, necesita e votou por unanimidade, os veciños vano saber”, rematou. 

Comparte este artigo