Todas as proxeccións serán con entrada libre ata completar aforo, participando obras premiadas en festivais como Cannes, Berlín, Venecia, San Sebastián ou Zinebi . A maiores, haberá obradoiros, encontros e charlas
Un xurado especializado outorgará os premios aos mellores traballos, establecéndose tamén un premio especial do público e un adicional elixido polas crianzas que asistan ás proxeccións infantís
O Concello de Nigrán celebrará do 16 ao 20 de setembro nos Cines Municipais da Ramallosa a Semana Europea da Mobilidade estreando a versión competitiva do ‘Cinema a Pedal’ con filmes dos cinco continentes. Un total de 16 curtametraxes (catro delas infantís) e cinco longametraxes procedentes de 20 países desputarán premios de entre 1.000 € e 300 € que outorgará un xurado especializado e o propio público asistente, sendo a entrada de balde ata completar aforo. A maiores, haberá obradoiros, encontros e charlas. A selección desta primeira edición competitiva reúne películas que foron estreadas ou recoñecidas en festivais de referencia internacional como a Berlinale, a Quinzaine des Cinéastes do Festival de Cannes, Busan, Zinebi, o Festival de San Sebastián, Venecia, o IDFA de Amsterdam ou Mar del Plata. A programación completa de cada día está dispoñible en www.nigran.org
Francia, Arxentina, Italia, Irlanda, India, España, Alemaña, China, Suíza, Malaisia, Brasil, Perú, Bolivia, Polonia, Nova Zelandia, Nepal, Singapur, México, Ecuador e Uruguai, ademais de Galicia, están representados nunha selección que percorre diferentes xéneros, estilos e realidades, desde a ficción e o documental ata propostas de carácter máis experimental. Estas non son unicamente películas nas que aparecen bicicletas, senón filmes que atopan neste medio de transporte unha forma de falar de cuestións que van moito máis alá, como liberdade, identidade, memoria, territorio, vínculos, traballo, resistencia e cambio. Deste xeito, a bicicleta convértese nunha ferramenta de emancipación, unha forma de traballo, un vínculo coa comunidade, un espazo de liberdade ou unha maneira de desviarse do camiño marcado.
O xurado estará formado polo cineasta Víctor Hugo Seoane, o crítico Severiano Casalderrey e a programadora uruguaia Alejandra Frechero. Eles concederán o Premio á Mellor Longametraxe Cinema a Pedal, dotado con 1.000 euros, e o Premio á Mellor Curtametraxe Cinema a Pedal, con 800 euros. Pola súa banda, o público escollerá as súas películas favoritas, que recibirán o Premio do Público á Mellor Longametraxe, dotado con 500 euros, e o Premio do Público á Mellor Curtametraxe, con 400 euros. Finalmente, a sección infantil contará tamén cun recoñecemento propio: o Premio do Público Infantil á Mellor Curtametraxe, dotado con 300 euros, será decidido directamente polas nenas e nenos que asistan ás proxeccións.
Catro percorridos a través das curtametraxes
As 16 curtametraxes articúlanse en catro bloques temáticos que percorren diferentes formas de vivir, entender e habitar o mundo a través da bicicleta.
‘Resistencias’ reúne ‘Peregrina de inverno’, realizada por DisCamino, e a nepalí ‘The Women of Two Cities’. Dúas historias de mulleres que, desde contextos moi diferentes, falan de autonomía, perseveranza e capacidade para decidir sobre a propia vida.
No bloque 1, chamado ‘Camiños secundarios’, os traballos ‘Teatro Rodante’, ‘Última entrega’ e a galega ‘Historia dunha bicicleta’ (sen aire nas rodas e chea de po) exploran outros xeitos de percorrer e habitar o territorio. A bicicleta aparece como vehículo para levar unha creación teatral ás comunidades, como ferramenta de traballo nunha contorna dominada polo algoritmo, ou como obxecto ligado á liberdade e á necesidade de volver poñerse en movemento.
No bloque ‘A seguinte curva’ detense nos momentos de transición, identidade e transformación. ‘My bike, my baby’, ‘When the geese flew’ e ‘Se acabó el verano’ falan de crecer, de despedirse, de tomar decisións e de construír unha vida propia. Tres historias sobre eses momentos nos que toca avanzar sen saber exactamente que atoparemos ao virar a seguinte curva.
Por último, ‘A contrapedal’ reúne ‘Cara de bicicleta’, ‘Otro día, nosotros’ e ‘Ultramarino’, tres películas que cuestionan os guións sociais, familiares ou de xénero establecidos. Desde a revisión da historia da bicicleta e da liberdade das mulleres ata a memoria dunha amizade ou a procura da propia identidade durante a adolescencia, son relatos sobre a necesidade de elixir o propio camiño, mesmo cando iso significa ir a contrapé.
Ademais, a curtametraxe Beauty, que xa tivo unha moi boa acollida durante a etapa ao aire libre do festival, terá unha nova proxección.
A programación complétase con cinco longametraxes: ‘3000km en bicicleta’, de Iván Vescovo (Arxentina); ‘Rodando’, de Mária Castaño (España); ‘El viento y todos los tiempos’, de Carla Valencia Dávila (Ecuador); ‘Desperté con un sueño’, de Pablo Solarz (Arxentina), e ‘Tres adioses’, de Isabel Coixet (Italia).
Varios dos filmes que forman parte da programación contarán coa presentación dos seus propios cineastas, que acompañarán as proxeccións e permitirán ao público coñecer de primeira man os procesos creativos e as historias que están detrás das obras.
Encontros, obradoiros e solidariedade
A programación complétase con diferentes propostas que amplían o festival máis alá das proxeccións.
Entre elas estará a presentación do libro ‘Señoras en bicicleta’ na libraría Paraísos de Papel de Nigrán, unha crónica dos primeiros anos da bicicleta e da súa relación coas mulleres, escrita polas xornalistas Ana Bulnes, Raquel C. Pico e María Ramos Domínguez.
O programa incluirá tamén tres encontros arredor da bicicleta:
O primeiro, ‘Pedaladas libres’, propoñerá unha conversa arredor das relacións entre cinema, bicicleta e xénero, reunindo profesionais do sector audiovisual para falar das súas experiencias e da presenza das mulleres diante e detrás da cámara, así como dos roles e estereotipos de xénero que tamén se constrúen (e se cuestionan) a través do cinema e da bicicleta.
O segundo, ‘Bicis solidarias’, porá en diálogo dúas iniciativas galegas que amosan como unha bicicleta pode converterse nunha ferramenta de transformación social. DisCamino, nacido en 2009, traballa para facer posible que persoas con discapacidade poidan cumprir o soño de chegar a Santiago, empregando a bicicleta para superar barreiras e compartir o Camiño. Recycling, iniciativa xurdida en Lalín, dá unha segunda vida ás bicicletas que xa non se utilizan. O encontro abordará así a inclusión, a solidariedade, a reutilización e a capacidade da bicicleta para xerar novas oportunidades.
A última sesión, ‘Pedaleamos por Mauri’, terá tamén a solidariedade como punto de partida. A proposta incluirá a proxección de ‘Lost’, o videolibro da autora nigranesa Soledad García Riveiro, acompañada da curtametraxe gañadora da sección infantil. Será a única actividade do festival que contará cunha fórmula de taquilla inversa totalmente voluntaria. A recadación destinarase integramente a Unha cura para Mauri, unha iniciativa solidaria que busca contribuír a financiar o tratamento que precisa Mauri, un neno de Nigrán que padece a enfermidade de Alexander.
A programación completarase cun obradoiro de creación de xoguetes precinematográficos para a cativada, que permitirá achegar as técnicas de animación ao público infantil desde unha perspectiva práctica e lúdica. Para este é preciso incribirse previamente en info@cinemaapedal.gal
Cinema a Pedal naceu en 2022 no Concello de Nigrán coa vontade de unir cinema e bicicleta nunha proposta cultural diferente, xa que desde entón o escenario ao aire libre da Foz do Miñor transfórmase durante uns días de agosto nun gran cinema sostible baixo as estrelas no que o público participa activamente xerando coa súa pedalada a enerxía necesaria para as proxeccións. Na súa quinta edición, o festival mantén esa identidade e amplía a súa dimensión internacional con esta segunda parte competitiva, ao tempo que reivindica a bicicleta como un medio de transporte sostible, saudable e respectuoso co medio, capaz de devolvernos unha escala máis humana na maneira de desprazarnos, de relacionarnos co territorio e de habitar a nosa contorna.

