O programa “Cultiva a Mente” bota a andar en Oia con boa acollida inicial

Redacción

O programa “Cultiva a Mente”, impulsado en Oia en colaboración coa Xunta de Galicia e AFAGA Alzheimer, comezou xa a súa andaina nas antigas escolas de Loureza cunha participación inicial de máis dunha ducia de persoas.

A iniciativa, dirixida a maiores de 55 anos, desenvolve sesións semanais centradas na estimulación cognitiva, o benestar emocional e a socialización, combinando exercicios prácticos cun ambiente próximo e participativo. O Concello valora moi positivamente a resposta inicial da veciñanza e agradece especialmente a implicación das persoas que decidiron sumarse a esta proposta.

“Cultiva a Mente” busca promover un envellecemento activo e saudable, fomentando hábitos positivos para o coidado do cerebro e creando tamén espazos de encontro que axuden a combater a soidade non desexada. A proposta está organizada en colaboración entre a Xunta de Galicia, a través do departamento de Política Social, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA Alzheimer) e o Concello de Oia.

Comparte este artigo