O proxecto europeo Score leva a atletas de Tomiño e Cerveira ata Italia

Redacción

40 integrantes do equipo transfronteirizo dos Olympics4All participaron na localidade de Cesena en actividades deportivas nun ambiente marcado polo xogo limpo, a convivencia e o intercambio

Unha vez máis, o deporte sénior volve demostrar que as fronteiras desaparecen cando o que nos une son as persoas e a vontade de compartir. Unha comitiva de 40 integrantes do equipo transfronteirizo Cerveira-Tomiño, incluíndo 35 atletas sénior, persoal técnico e representantes institucionais, estivo a semana pasada no municipio italiano de Cesena no marco do proxecto europeo SCORESenior Citizens Overcoming Euroscepticism through Recreation and Sport Exercise, financiado polo programa CERV – Citizens, Equality, Rights and Values.

Durante a estadía en Cesena, as persoas participantes tomaron parte en diversas actividades deportivas, entre elas baloncesto, boccia e voleibol, nun ambiente marcado polo xogo limpo, a convivencia e o intercambio entre delegacións de distintos países europeos. Ademais da vertente deportiva, o encontro destacou pola súa forte dimensión cultural e humana, favorecendo o achegamento entre comunidades e o fortalecemento dos lazos de amizade e cooperación entre os territorios participantes.

Como parte desta comitiva, o presidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, e o concelleiro de Benestar Social e Deportes do Concello de Tomiño, Rubén García, seguiron de preto toda a iniciativa, sendo testemuñas da dinámica, da implicación e da elevada participación das persoas sénior involucradas. O encontro contou tamén coa presenza do alcalde de Cesena, Enzo Lattuca, reforzando a dimensión institucional do proxecto e a cooperación entre territorios socios, baseada na promoción de valores europeos compartidos.

Dende a Eurocidade destácase a relevancia da participación neste encontro europeo en Cesena, xa que “a cooperación entre Cerveira e Tomiño é hoxe un exemplo sólido de construción europea de proximidade. O deporte sénior foi un vehículo fundamental para reforzar a unión entre os nosos pobos, promovendo valores de inclusión, solidariedade e cidadanía europea”.

Esta participación enmárcase no traballo continuado de cooperación transfronteiriza entre Cerveira e Tomiño, dentro dunha estratexia consolidada de proxectos conxuntos que fomentan a cohesión social e territorial a través de iniciativas que promocionan o envellecemento activo, a inclusión social e a cidadanía europea a través do deporte e poñen en valor o papel activo da poboación sénior na sociedade.

O proxecto SCORE dá continuidade a un camiño iniciado en 2015 co proxecto Olympics4All, que sentou as bases desta rede europea de cooperación entre municipios, promovendo xa daquela o deporte sénior como ferramenta de inclusión, intercambio cultural e achegamento entre pobos.

Comparte este artigo