Os socialistas sinalan que a falta de resposta en prazo provocou a perda de 1,1 millóns para humanizar toda a contorna
O Grupo Municipal Socialista de Catoira manifesta a súa preocupación polas explicacións ofrecidas polo alcalde, Xoán Castaño, en relación coa perda dunha subvención de 1.119.855 euros procedente da Secretaría de Estado de Turismo, unha axuda que fora solicitada e tramitada polo anterior goberno municipal.
O portavoz socialista, Alberto García, considera que a extensa documentación difundida polo alcalde e o seu “exercicio de transparencia de última hora” non aclaran o esencial: o Concello perdeu unha subvención millonaria porque non se completou en prazo a documentación requirida polo Estado no mes de novembro, cando o actual rexedor levaba sete meses no cargo.
Segundo explica García, nese momento a Secretaría de Estado solicitou a documentación final para validar o expediente. O anterior goberno deixara preparada a tramitación e o persoal administrativo avanzara nos documentos necesarios, tal e como é habitual en convocatorias deste tipo, nas que a subsanación se achega cando é requirida. Porén, o novo alcalde non completou o trámite dentro do prazo establecido, o que derivou en que o Ministerio declarara “desistida” a solicitude presentada.
O portavoz socialista lembra que esta subvención fora xestionada en tempo e forma polo anterior executivo, e que a súa perda supón “un prexuízo económico moi grave para Catoira”, ao tratarse dun investimento estratéxico para o municipio.
Nestes momentos estase a levar a cabo a “execución do proxecto sostible de mantemento e rehabilitación do patrimonio histórico de uso turístico dos Camiños de Santiago no conxunto monumental das Torres de Oeste”, tamén xestionado polo anterior goberno socialista, no que se puxo a disposición os terreos do Ministerio de Transición Ecológica e Xunta de Galicia polo que o actual alcalde so debería de ter seguido os mesmos pasos no referente a este proxecto desistido.
Outras subvencións en risco ou xa perdidas
O Grupo Municipal Socialista adianta que esta non é a única axuda comprometida pola falta de tramitación axeitada do actual goberno local. Nos vindeiros días daranse a coñecer outros expedientes nos que tamén se produciron incidencias relevantes.
Entre eles, destaca a perda dunha achega da Deputación Provincial destinada á reforma da actual Casa das ARtes, por un importe de 150.000 euros, que agora deberá asumir o propio Concello con fondos propios ao non estar consignada no orzamento municipal. O grupo socialista pregúntase de donde vai sacar os cartos para solventar esta nova “chapuza” só atribuible á nula xestión de Xoán Castaño.
Preocupación polo impacto económico
O PSOE de Catoira manifesta a súa preocupación polo impacto que estas perdas poden ter nas contas municipais e nos proxectos previstos para o municipio. O grupo socialista considera imprescindible que o goberno local explique con claridade como pensa afrontar agora estes investimentos, especialmente aqueles que non contan con partida orzamentaria.
“O dano xa está feito, pero é necesario que se coñezan os feitos e que se garanta que non volverá ocorrer”, conclúe o Grupo Municipal Socialista.

