Aseguran que o alcalde deixou caducar o requirimento do Ministerio ao non enviar en prazo a documentación necesaria, malogrando a achega
A Agrupación Socialista de Catoira responsabiliza directamente ao alcalde, Xoán Castaño, da perda da subvención estatal de 1.119.855 euros destinada á recuperación e posta en valor do entorno das Torres de Oeste, ao non ser capaz de remitir en prazo a documentación que o Ministerio de Industria e Turismo lle requiriu en 2024 para completar o expediente. O PSOE local subliña que o proxecto quedara correctamente presentado en 2023, durante o mandato de Alberto García, e que foi a inacción e a incapacidade do actual rexedor para achegar a certificación da titularidade dos terreos —un trámite administrativo básico e habitual— o que provocou que Catoira deixase escapar unha das maiores achegas económicas da súa historia recente.
Os socialistas lembran que o expediente quedou perfectamente presentado no ano 2023, cando Alberto García era alcalde, e que foi en abril de 2024, xa con Xoán Castaño ao fronte da Alcaldía, cando o Ministerio de Industria e Turismo requiriu ao Concello a achega dunha documentación adicional imprescindible para completar a tramitación: a certificación da titularidade dos terreos. Trátase dun trámite administrativo “sinxelo, habitual e idéntico ao que se realizou noutras actuacións importantes desenvolvidas no entorno das Torres durante o mandato socialista”.
“Non foi capaz de facelo, e punto. É un inoperante que leva anos enganando ao pobo, e agora é a veciñanza quen ten que pagar a súa incapacidade”, afirma o exalcalde Alberto García, quen lembra que a subvención permitía executar actuacións clave nun Ben de Interese Cultural: mellora da accesibilidade, renovación das pasarelas de madeira con máis de 30 anos, creación dunha nova pasarela paralela para garantir a seguridade das persoas visitantes, instalación dun sistema de vixilancia e control de accesos e a colocación de módulos sostibles para eliminar o tránsito de vehículos no interior do recinto. A perda da axuda implica tamén renunciar á implantación de tecnoloxías intelixentes, como maquetas 3D do conxunto das Torres, destinadas a atraer novos públicos e reforzar a comprensión histórica do lugar.
O PSOE considera “especialmente grave” que o alcalde “sexan incapaz de tramitar unha documentación básica” mentres o patrimonio municipal sofre un deterioro progresivo e evidente. “Castaño non só non mellora nada, senón que deixa escapar oportunidades millonarias que xa estaban conseguidas. É un dano irreparable para Catoira e para o seu futuro turístico”, subliñan.
O portavoz municipal socialista adianta ademais que nos vindeiros días sairá á luz a perda doutras subvencións por incompetencia do actual goberno. Entre elas, a obriga do Concello de asumir os 150.000 euros da reforma da Casa Consistorial que debía financiar a Deputación, pero que se perdeu por non tramitala axeitadamente. Os socialistas de Catoira pregúntanse de onde pensa sacar agora esta cantidade de cartos que non teñen consignación no orzamento. O mesmo ocurre con outra achega próxima aos 500.000 euros para infraestruturas deportivas, tamén da Deputación Provincial.
“Catoira non merece un alcalde que deixa escapar recursos fundamentais por pura deixadez. O dano xa está feito, pero non imos permitir que se siga ocultando a verdade”, conclúe o PSOE local.

