O renovado campo de Fútbol de San Mateo estrearase o domingo co “1º Trofeo de Homenaxe a Paula Tellado”

Redacción

O encontro memorial disputarase ás 19:00 horas  e será o primeiro partido oficial trala renovación do terreo de xogo

O encontro enfrontará ao conxunto local e ao Mondariz, dous equipos nos que xogou a xove xogadora homenaxeada

O fútbol local vístese de gala e emoción esta próxima fin de semana. O renovado campo de Fútbol Manolo Gil acollerá a primeira edición do “Trofeo Homenaxe a Paula Tellado”, unha cita deportiva de gran carga emotiva dedicada a lembrar a figura da que foi xogadora do conxunto local.

O partido conmemorativo celebrarase o vindeiro domingo, 16 de agosto, ás 19.00 horas. O escenario elixido para o tributo non podía ser máis especial, porque o choque terá lugar no Manolo Gil, o feudo do San Mateo onde a moza deportista xogaba habitualmente e que acaba de inaugurarse trala renovación do terreo de xogo.

O encontro medirá a escuadra local, o Sporting Club San Mateo, fronte ao Mondariz -equipo no que tamén militou Paula- , nun duelo marcado pola rivalidade veciñal, a deportividade e, sobre todo, o recordo indeleble a Paula, falecida nun accidente de tráfico no 2024, cando se dirixía a reunirse coas súas compañeiras de equipo para disputar un partido de fútbol en Santiago.

O presidente do Sporting Club San Mateo, Juan Castro Ucha, puxo de manifesto que “o obxectivo era institucionalizar a homenaxe a Paula, e qué mellor maneira de facelo que estreando o renovado terreo de xogo”. Ucha engadiu que dende a organización queren invitar “a toda a afección, veciños e veciñas e amantes do deporte para acudir ás instalacións do Santo Mateo para render este merecido tributo a Paula e apoiar o fútbol feminino da comarca”.

O concelleiro de Deportes, Nico Rodríguez, felicitou ao Sporting Club San Mateo pola emotiva iniciativa, destacando que este primeiro trofeo “é unha cita fundamental para manter viva a memoria dunha xove deportista, nunhas instalacións onde sewmpre estará presente o seu recordo”.

Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, puxo de manifesto que “dende o Concello manifestamos o noso máximo respecto e absoluto apoio institucional a este emotivo partido de homenaxe”. Nava engadiu que na celebración deste encontro, “unímonos de corazón ao Sporting Club San Mateo e ao Mondariz para honrar o legado e a pegada indeleble que Paula deixou no noso deporte local”. A alcaldesa tamén quixo trasladar un “abrazo profundamente cariñoso e toda a nosa calor á súa familia, compañeiras de equipo e amizades nun día que estará marcado polo recordo, a unidade e o respecto de todo un pobo.”

Comparte este artigo