O Rosal acende a creatividade cun taller de candeas artesanais para pechar os Obradoiros de Primavera

Redacción

Aberta a inscrición para participar na última actividade a cargo de Angelina Gándara o sábado 13 de xuño. Prazas limitadas

A creatividade, os aromas e a sustentabilidade daranse a man no Rosal para despedir unha primavera chea de aprendizaxes e experiencias compartidas. O Concello pechará a súa programación de Obradoiros de Primavera cunha proposta artesanal e relaxante: un taller de elaboración de candeas artesanais que permitirá ás persoas participantes crear as súas propias pezas decorativas mentres descobren técnicas básicas deste oficio.

A actividade celebrarase o vindeiro sábado 13 de xuño, de 10.30 a 13.00 horas, no Muíño das Aceñas, e estará impartida por Angelina Gándara, de Socioeducación. Durante a sesión, as persoas asistentes aprenderán a traballar con cera de soia ecolóxica, coñecendo cuestións fundamentais como o tratamento da cera, a colocación das mechas ou a combinación de esencias e colorantes para conseguir creacións únicas e personalizadas.

O obradoiro combinará unha parte práctica e creativa cun ambiente distendido, permitindo que cada participante elabore tres candeas diferentes xogando con formas, cores e aromas. Unha experiencia pensada non só para aprender unha nova habilidade, senón tamén para desfrutar dun tempo de lecer activo e consciente.

O concelleiro de Xuventude, Alejandro González, destacou que esta última actividade “resume perfectamente o espírito co que naceron os Obradoiros de Primavera: ofrecer espazos para aprender, compartir e desenvolver a creatividade a través de propostas atractivas e accesibles para a veciñanza”. O edil subliñou ademais que “apostamos por actividades que combinan formación, sustentabilidade e participación, xerando experiencias enriquecedoras que fomentan o talento e o interese por novas disciplinas”.

A iniciativa forma parte da programación de Obradoiros de Primavera impulsada polo Concello do Rosal, unha proposta pensada para fomentar actividades formativas, culturais e creativas que impulsen o talento, a participación e o lecer activo.

O taller contará con prazas limitadas para 12 persoas, con prioridade para persoas menores de 30 anos, e terá un prezo de 12 euros. As persoas interesadas xa poden formalizar a súa inscrición a través da ligazón habilitada polo Concello.

Con esta actividade, O Rosal baixa o pano dos Obradoiros de Primavera consolidando unha programación que, ao longo das últimas semanas, converteu a creatividade, a formación e a participación cidadá nos grandes protagonistas.

Comparte este artigo