O Rosal descubre o poder do tai chi chuan nunha nova cita coa súa Escola da Saúde

Redacción
Lectura mínima de 3

A instrutora María Urrutia achegará os beneficios desta disciplina nunha sesión de balde este venres 24 ás 19 h no Centro Social Polivalente

Un respiro para corpo e mente na nova cita coa Escola da Saúde do Rosal, unha iniciativa pioneira organizada polo Concello que volve este mes cunha nova proposta para ofrecer coñecemento útil, próximo e aplicable á vida cotiá. Nesta ocasión, o protagonista será o tai chi chuan e os seus beneficios físicos e mentais da man da instrutora María Baliño, que afondará sobre esta disciplina de orixe chinesa que combina movemento suave, respiración consciente e concentración mental e que está recoñecida polos seus múltiples beneficios, como a mellora do equilibrio, a redución do estrés, o aumento da flexibilidade ou o fortalecemento do benestar emocional.

María Urrutia guiará ás persoas asistentes nunha aproximación a esta técnica na sesión que terá lugar este venres 24 de abril ás 19.00 horas no Centro Social Polivalente con entrada libre e de balde.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, puxo o acento no enfoque transformador deste deporte. “Ás veces buscamos solucións complexas para coidarnos e esquecemos que o máis importante é aprender a parar e a conectar co noso propio corpo. Este tipo de propostas abren portas a formas de benestar que están ao alcance de calquera persoa”.

Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Beatriz Rodríguez, destacou o carácter vivo da Escola da Saúde, “cun programa que vai medrando coas inquedanzas da propia veciñanza. É un espazo onde caben as preguntas, as curiosidades e tamén as ganas de probar cousas novas que nos fagan sentir mellor”.

A Escola da Saúde nace coa vontade de falar de saúde dun xeito próximo, comprensible e sen tecnicismos, creando un espazo divulgativo que responde á crecente demanda da cidadanía por contar con información fiable e práctica. As charlas estarán adaptadas tamén aos intereses e necesidades que vaian expresando as propias rosaleiras e rosaleiros, convertendo o programa nun espazo vivo e en constante evolución.

Comparte este artigo