O Rosal éncheuse de historias compartidas na Feira do Libro de Segunda Man

Redacción
Lectura mínima de 2

Éxito rotundo da cuarta edición deste evento, que se consolidou como un encontro cultural arredor da lectura, a reutilización e a participación veciñal

As páxinas volveron respirar na Praza do Calvario e as historias atoparon novas mans ás que chegar. Grande éxito de acollida a cuarta edición da Feira do Libro de Segunda Man do Rosal, unha cita xa consolidada que converteu o municipio de novo nun punto de encontro arredor da lectura, a cultura compartida e a reutilización.

Ao longo da xornada, a praza encheuse de libros con segunda vida, postos de asociacións locais, actividades para todas as idades e un ambiente participativo no que a cultura se viviu dun xeito próximo e accesible. Obradoiros, contacontos e propostas lúdicas completaron unha programación pensada para gozar en comunidade e para achegar a lectura a todos os públicos.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, puxo en valor o espírito desta iniciativa. “No Rosal a vida dos libros non remata cando decidimos pechalos por última vez nas nosas casas. Con esta feira conseguimos darlles unha segunda vida, facendo que esas historias sigan viaxando e conectando persoas”.

A rexedora destacou tamén o carácter social e aberto da proposta, xa que “é unha xornada na que se mesturan xeracións, na que compartimos cultura dun xeito sinxelo e accesible, e na que demostramos que pequenas iniciativas poden ter un grande impacto na forma de vivir e sentir a cultura”.

Desde o Concello agradécese a implicación de todas as asociacións participantes, así como a resposta da veciñanza, que un ano máis volveu encher a praza e facer posible unha feira que xa forma parte do calendario cultural do municipio.

Con esta iniciativa, O Rosal reafirma o seu compromiso cun modelo de cultura sostible, participativa e ao alcance de todas e todos, onde cada libro atopa unha nova oportunidade para seguir contando historias.

Comparte este artigo